Cultura Destacados

O Castro de Vigo abre hoxe as súas portas

A recuperación dunha parte moi importante da historia de Vigo. Isto supón a musealización do poboado castrexo de O Castro, na que se reconstruíron e ambientaron as tres edificacións que reflicten  o inicio da ocupación romana. Oito meses de traballo serio e rigoroso cun investimento de máis dun millón de euros que fan da zona o único xacemento galego no que hai unha reconstrucción e recreación ambiental daquela época.

O xacemento xestionarase como unha sala máis do museo Quiñones de León e poderá visitarse desde mañá de 10 a 14 e de 16 a 18 horas en inverno e de 10 a 13 e de 17 a 20 horas en verán. A visita poderá ser libre ou guiada polo persoal que atende o xacemento concertando a visita chamando ao 986 295 070.

A área escavada, da que na actualidade se poden ver máis de 20 restos de edificación, é unha pequena parte do castro que ocuparía boa parte do monte sobre o que se asenta. Segundo os datos dispoñibles, foi habitado entre o século I a.C. e o século III d.C., momento no que os habitantes comezaron a trasladarse a un novo poboamento que xurde á beira do mar. Idea da extensión orixinal do asentamento a dá a cartelería instalada fóra do recinto pechado, entre a que destacan as siluetas dos castrexos.

También te puede interesar