Galicia

O mes de xaneiro rematou con cifra record de pernoctacións en albergues do Camiño

A ocupación nos albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo supera xa, en xaneiro de 2010, os datos rexistrados no mesmo mes do Ano Santo de 2004 e no mesmo período de 2009, acadando unha cifra récord. Segundo os datos recollidos pola Oficina Técnica da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a ocupación durante este mes de xaneiro nos albergues dos Camiños alcanzou un total de 4.104 pernoctacións, superando os datos rexistrados no mes de xaneiro de 2004 (3.276 pernoctas) e de 2009 (2.510 pernoctas).

Porcentualmente, o aumento das pernoctacións nos albergues da rede da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo durante o primeiro mes do ano representa un incremento do 25,27 por cento respecto ao último Ano Santo 2004 e dun 63,5 por cento en comparación con 2009. En concreto este aumento cristalizouse en 1.594 pernoctas máis que en 2009 e 828 máis que en 2004.

Respecto ao índice de ocupación sobre o número total de prazas nos albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, no mes de xaneiro de 2010 constátase, do mesmo xeito, unha importante afluencia de peregrinos. Namentres no primeiro mes do Ano Santo 2004 houbo un 3,8 por cento de ocupación e en 2009 un 2,9 por cento, en xaneiro de 2010 acadouse unha ocupación total do 4,8 por cento respecto ao total de prazas da rede de albergues do Xacobeo. Con estes datos, as previsións para 2010 son optimistas xa que no primeiro mes do ano superouse en 1 punto o índice de ocupación rexistrado en xaneiro de 2004.

O director-xerente do Xacobeo, Ignacio Santos,  cree que “sen dúbida” pódense prever unhas “cifras históricas” ao remate do Ano Santo.

Xaneiro 2004Xaneiro 2009Xaneiro 2010
Pernoctacións3.2762.5104.104
Ocupación3,8%2,9%4,8%

Pernoctacións nos Camiños

O Camiño Francés, ruta xacobea por excelencia, segue a contabilizar o maior número de pernoctacións, pasando de 2.865 en 2004 a un total 2.975 en 2010. Nembargante, a conclusión máis salientable é que o número de pernoctacións experimentou un incremento espectacular nos outros Camiños a Santiago, confirmando a tendencia do atractivo en aumento de todas as rutas xacobeas para os peregrinos que se achegan a Galicia. O director-xerente valorou este dato como “moi positivo porque significa que os peregrinos deciden visitar Galicia e facer a súa peregrinación por outras rutas”. Neste senso, destacou os casos de Fisterra-Muxía, Camiño Portugués e Camiño Primitivo.

En concreto, o Camiño de Fisterra-Muxía pasou de contabilizar 172 pernoctacións en 2004 a un total de 366 en xaneiro do presente ano. Así mesmo, o Camiño Primitivo rexistrou unha alza das pernoctacións que variou de 23 en 2004 a 122 en 2010. O total de pernoctas contabilizadas en xaneiro de 2010 no Camiño Portugués acadou a cifra de 346, moi superior ás 93 pernoctacións do mes de xaneiro de 2004.

A Vía da Prata reflectiu 125 pernoctas nos seus albergues en xaneiro de 2010, fronte as 52 de 2004 e as 90 de 2009. O Camiño Inglés aumentou a súa afluencia de 31 no anterior Ano Santo ata 38 neste xaneiro. O Camiño Norte apuntou un total de 132 pernoctacións en xaneiro de 2010 fronte as 40 de 2004 e as 39 de 2009.

AlbergueXaneiro 2004Xaneiro 2009Xaneiro 2010
Camiño Francés2.8651.9322.975
Camiño Inglés311338
Camiño Norte4039132
Camiño Primitivo2385122
Camiño Fisterra-Muxía172212366
Camiño Portugués93139346
Vía da Prata5290125

Ocupación nos Camiños

Respecto ao número de prazas, as porcentaxes de ocupación nos albergues confirman o aumento constante na concorrencia de peregrinos en todos os Camiños de Santiago. O Camiño Francés concentra a maior parte dos turistas, de feito, a Ruta Francesa rexistrou un aumento na ocupación que pasou do 3,9% en xaneiro 2009 a un 6,1% no mesmo mes de 2010.

Destaca o incremento constatado nos albergues do Camiño de Fisterra-Muxía. Comparado co Ano Santo anterior, dobregouse a porcentaxe de ocupación, pasando de 4,5% en 2004 a un 9,5% en 2010. No caso do Camiño Primitivo en xaneiro de 2004 houbo un 0,7% de ocupación, mentres que no 2009 chegou a un 2,7% e no 2010 a un 3,9%.

No Camiño Inglés, o índice de ocupación subiu do 1,4% en 2004 ata o 1,7% en 2010. Doutra banda, no Camiño Norte, pasouse dun 0,5% de ocupación ao igual que no 2009 a un 1,8% neste 2010. A ocupación das prazas da rede de albergues en xaneiro do Camiño Portugués pasaron de ser do 1% en 2004 a 3,6 en 2010. No Camiño Vía da Prata en xaneiro de 2004 houbo un 3,8% de ocupación e en 2010 un 1,2%.

AlbergueXaneiro 2004Xaneiro 2009Xaneiro 2010
Camiño Francés5,8%3,9%6,1%
Camiño Inglés1,4%0,6%1,7%
Camiño Norte0,5%0,5%1,8%
Camiño Primitivo0,7%2,7%3,9%
Camiño Fisterra-Muxía4,5%5,5%9,5%
Camiño Portugués1,0%1,4%3,6%
Vía da Prata0,5%0,8%1,2%

También te puede interesar