Cultura Destacados

José Dávila pon o ‘Punto de Encontro’ final no Marco

Coa exposición do artista Jose Dávila (Guadalajara, México, 1974) conclúe o proxecto Puntos de encontro/Meeting Points, comisariado por Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO. Durante o ano 2009 e principios de 2010, cinco artistas —Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e Jose Dávila— foron invitados a traballar in situ coa intención de establecer un diálogo entre o espazo de exhibición (a sala de proxectos ou Espazo Anexo) e o seu ámbito: a cidade de Vigo.

O proxecto de Jose Dávila, que se poderá visitar ata o 2 de maio, achega novas ideas sobre a relación entre o museo e o contorno urbano. Trátase dunha escultura sen principio nin fin que se caracteriza pola súa espacialidade, ou tridimensionalidade, propoñendo ao espectador moverse dentro da obra mesma para poder captala totalmente. O espazo xerado deslízase fóra dos límites arquitectónicos, convertendo o Espazo Anexo nunha extensión da rúa e viceversa, xerando vida en lugar de referirse a ela.

A intervención de Dávila xorde dunha reflexión sobre a falta de continuidade que observou no urbanismo de Vigo, tras as súas estadías na cidade. Afonda no concepto de site-specific, xa que incorpora elementos propios do Espazo Anexo —columnas, muros e teito— como parte mesma da intervención, e refírese á idea de ruína ao simular unha planta dun edificio invisible, que é habitado polo paseante. A proposta preséntasenos como conclusión dalgunhas das preocupacións que o artista vén arrastrando na súa obra: a relación co lugar e o espazo; a combinación entre o movemento e as formas estáticas; a reprodución ata o infinito de formas modulares; a funcionalidade dos espazos construídos. A obra resultante xera un espazo novo no entorno ao converterse, por contaminación, en mobiliario urbano preparado para ser usado polo cidadán, elemento esencial de toda cidade.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.