Vigo al minuto

A cultura galega xa xera máis diñeiro que o naval

librosCon 26.000 empregados en 2008 e un 2 por cento do PIB, a industria cultural galega está máis que consolidada. No informe ‘O sistema produtivo da cultura en Galicia: unha visión económica’ elaborado polo servizo de información Ardan en colaboración co Observatorio da Cultura Galega analízase o impacto económico das empresas da cultura no conxunto da economía galega e pónse de manifesto que xerou o 2,2% dos postos de traballo da nosa terra, conseguindo un incremento do 11,6% no emprego cultural nos últimos 7 anos, máis de 9 puntos por riba da media nacional.

O estudo analiza o comportamento de 725 empresas no período 2001-2007 e ofrece unha visión polo miúdo da aportación á xeración de riqueza e ao emprego das actividades que constitúen este sistema produtivo, a súa concentración territorial e máis o seu dinamismo. Os sectores estudados neste informe foron a creación artística e cultural, a producción de bens e servizos culturais (entre os que se atopan a industria editorial, fotografía, cinematografía e vídeo, radio e televisión), a fabricación de bens culturais, a distribución e as actividades auxiliares.

Nembargantes, a actividade económica que emana deste ámbito é moi superior ao gasto público en cultura, o que debera despexar certas dúbidas prexuízosas do carácter subvencionado da creación cultural, un sistema produtivo que ten demostrado que resiste a crise mellor ca outros e que ten unhas perspectivas de crecemento moi interesantes para a nosa economía. Segundo as últimas estimacións, o sector da cultura en España representa preto do 3% do PIB e, no caso de Galicia, esta porcentaxe acada o 2% do PIB.

O sector máis relevante no ano 2007 no que a ingresos e valor engadido foi o de Producción de Bens e Servizos Culturais cun 48,04% deste valor engadido. E dentro del, a industria editorial, cun 31,95%, foi o que acadou o maior peso en ingresos e tamén en emprego. As empresas da cultura teñen un mellor comportamento en canto a aumento de ingresos e xeración de riqueza, tan só superado por industria auxiliar, construcción e actividades relacionadas coa saúde. Pola contra, as debilidades máis significativas destas empresas se atoparon na rendabilidade e na productividade, onde a obtención de valores son inferiores aos da media galega.

Este sistema produtivo está fortemente atomizado, formado basicamente por microempresas que xeran en torno ao 2,5% do emprego en Galicia e que, malia o seu tamaño, amosan un crecemento do emprego en todos os anos analizados e unha mellora na produtividade do traballo con parámetros parellos aos da empresa galega. No ámbito territorial o estudo demostra unha alta concentración destas actividades en torno ás comarcas da Coruña, Santiago e Vigo e un maior dinamismo na comarca de Santiago con mellores parámetros de evolución en xeral.

También te puede interesar