Destacados Vigo al minuto

Último adeus a Carlos Aira en Pereiró

Un tráxico accidente na VG-20 de Vigo levouse onte a vida de Carlos Aira, directivo da asociación veciñal ‘Camiño vello’ de Coia e marido da actual presidenta da Federación de Veciños ‘Eduardo Chao’, Elena González. E para darlle o último adeus, a partir das 17 horas de hoxe instalarase a capela ardente na sala 9 do tanatorio de Pereiró.

O funeral e o enterro produciranse ao día seguinte na parroquia lucense de Tuimil, no concello de Bóveda. Para aqueles que queiran ir, a Federación Veciñal porá a súa disposición un servizo de autobús. É necesario chamar ao 986 22 30 67 para reservar a súa praza.

Ligado ao movemento cidadán

Na actualidade Carlos Aira estaba levando a responsabilidade do seguimento das obras de humanización das rúas de Coia dende o seu cargo na vogalía de Servizos á Cidadanía. A entrega ao seu barrio era absoluta dentro dunha vogalía creada á súa inmensa medida, xa que dispuxo sempre da entrega total do seu tempo e enerxía para loitar polas melloras do seu querido barrio de Coia. Incansable, enérxico, sempre inconformista, o seu talante e carisma fixeron del unha das persoas máis apreciadas e coñecidas de Coia.

A Federación

A Federación Veciñal quere despedilo tamén cunha semblanza escrita por Xosé Couñago, secretario da Favec, na que quedan patentes as virtudes dun home ligado áo momento veiñal dende hai anos.

“O abrazo de todo o movemento veciñal de Vigo e de todas aquelas persoas que o coñeceron está apertando fortemente nestes momentos a Elena González, a súa dona e presidenta da Federación Veciñal “Eduardo Chao” de Vigo e a súa gran familia, a nosa gran familia.

É difícil atopar palabras persoais que poidan abranguer todos os sentimentos que corren polo noso interior ante un acontecemento así, mais podemos buscar esas palabras no sentir e valoración colectiva na memoria dun home que o foi todo, que o deu todo, para a súa familia e para os demais, para a súa veciñanza de Coia, para tantos e tantos compañeiros do movemento veciñal de Vigo que agora choran a súa perda.

Carlos era un home de movemento veciñal, con todas as características que distinguen a estas persoas que entran un día pola porta dunha asociación de barrio preguntando “que podo facer polos demais e polo lugar onde vivo?” Carlos entrou sabendo que ía entregar unha boa parte do seu tempo, da súa enerxía, da súa propia vida persoal a unha causa colectiva, a esa “res publica” que aprendemos nos libros, a cambio de nada no económico e quizais expoñéndose a incomprensións nalgúns momentos, pero sen saber que, no fondo, ese traballo altruísta tampouco vai pasar desapercibido, e o tempo acaba enchendo a nosa vida da satisfacción da entrega, do recoñecemento colectivo e da consideración que todo ese gran labor de xenerosidade merece.

Detrás deste movemento veciñal hai milleiros de persoas anónimas que apoian coa súa presenza, coas súas suxestións e críticas construtivas todo este labor altruísta.

As persoas que forman parte das xuntas directivas das asociacións veciñais, cos seus acertos e os seus erros, comparten moitos puntos en común que así se manifestan nos nosos momentos de encontro: a entrega abnegada pola causa cívica, a defensa da veciñanza en todos os seus aspectos: a calidade de vida, o espazo que habitamos, o diálogo e o debate permanente; porque os seres humanos, como colectivo, construímos o mundo dende a palabra, transformamos en acción os acordos do debate. Isto fainos sentir máis humanos, fainos sentir máis no mundo que ocupamos e compartimos cos demais.

Moitas das persoas que coñecemos ao noso arredor nas directivas veciñais levan consigo esa gran humanidade que van cultivando ao longo da súa traxectoria vital. Esa é a gran humanidade que botaremos tanto de menos coa partida de Carlos. Unha partida e non unha desaparición porque Carlos deixa tras de si unha marca moi fonda gravada en cada unha das lousas que pavimentan o barrio de Coia. A marca da súa mirada tan achegada e cálida, sempre á espera silenciosa da última palabra para desbordarnos coa súa enerxía e inconformismo.

Para Carlos, todo se podía facer sempre mellor. Cría no diálogo permanente, no debate e no acordo final. Todo dende a participación e o respecto mutuo. A palabra de Carlos deixaba tamén a súa marca, porque era sincero; sempre abordaba cada tema dende unha sinceridade aberta e transparente, sen segundas palabras, sen ases na manga. Por iso todos agardabamos a súa palabra imprimindo de claridade a confusión ou desenleando os enredos dialécticos que non conducen a ningures nos debates. Tiña o don de simplificar en poucos argumentos calquera tema que parecese complicado ou enquistado. Carlos foi un exemplo persoal que serve de modelo colectivo, xa que naqueles momentos de maiores desacordos, desencontros e tomas de decisión difíciles, a súa presenza e palabra creaba o clima de entendemento que todos precisabamos.

Cantos Carlos necesitamos que sigan entrando no movemento veciñal!”

También te puede interesar