RGPD - Cookies
Galicia

Os nenos de Castela e León reforzan o uso do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a impulsar o fomento do uso da lingua galega nos territorios limítrofes con Castela e León coa organización de novas actividades para o programa de ensino en galego que se desenvolve nas provincias de León e Zamora. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo ten previsto organizar durante este curso 2009-2010 un programa de estadía na comunidade galega que lle sirva de complemento didáctico ao alumnado que recibe ensino de ou en galego nos centros educativos do Bierzo e de Sanabria. Nesta iniciativa, que se desenvolve dentro do marco do Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a comunidade de Castela e León, está previsto que participen preto de cen rapaces e rapazas de secundaria da comunidade castelá-leonesa.

  • Unha nova etapa de colaboración entre Galicia e Castela e León

O pasado día 20, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Junta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, asinaron un Protocolo Xeral de Colaboración que lles permitirá a ambos os territorios abrir unha nova etapa de cooperación mutua. O documento, que inclúe 23 cláusulas sobre cuestións de interese común como a sanidade, a educación, as infraestruturas ou o Xacobeo, ratifica o Protocolo Xeral de Colaboración vixente para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes das comunidades autónomas.

  • Fomentar o coñecemento da lingua galega entre máis de 1.000 alumnos e alumnas

Grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, que comezou en 2001 e foi ampliada coa sinatura do Protocolo Xeral de Colaboración en 2006, actualmente 1.096 alumnos e alumnas estudan materias de ou en galego nas provincias de León e de Zamora. Nos centros de ensino público de infantil e primaria, o número de nenos e nenas que cursan materias en ou de galego ascende a 884, mentres que nos institutos de educación secundaria a cifra é de 147. A Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada tamén oferta cursos de lingua galega, nos que están matriculadas 65 persoas.

  • Oferta educativa de galego e en galego

En primaria impártese opcionalmente unha hora e media semanal en galego na área de Coñecemento do Medio e tamén a materia de Educación Plástica, seguindo os mesmos contidos que os alumnos que só estudan castelán. En educación secundaria estúdase opcionalmente Ciencias Sociais en galego en toda a ESO, tamén cos mesmos contidos. Ademais, existe a materia optativa de Lingua e Cultura Galega en 4º da ESO e en 1º e 2º de bacharelato.

O galego é lingua oficial de Galicia, pero o seu uso esténdese máis alá da comunidade autónoma galega. Chámaselle “galego estremeiro” ao galego falado historicamente en territorios da antiga Gallaecia, que hoxe pertencen a outras provincias de fóra das fronteiras administrativas de Galicia.

También te puede interesar