RGPD - Cookies
Galicia

Máis de 60.000 persoas interesáronse por Galicia en Fitur

Stand de Galicia en Fitur.
Stand de Galicia en Fitur.

Máis de 60.000 persoas, entre operadores turísticos e público final, visitaron o stand institucional de Galicia ao longo das cinco xornadas da Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR 2010, na que tamén se puido participar virtualmente a través do portal de internet www.galiciavensientela.com, creado especificamente para este certame, e que recibiu máis de 95.000 solicitudes de acceso.

Nesta feira, na que a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo e Turgalicia, instalou un recinto de 1.421 metros cadrados para a promoción do Xacobeo 2010 e o Turismo galego en xeral, tamén se distribuíron 120.000 folletos turísticos de 100 clases distintas que difundiron entre operadores e público xeral a oferta galega global, o Xacobeo 2010, o Camiño de Santiago e os destinos galegos.

Por outra parte, no stand institucional de Galicia desenvolvéronse 16 actos de difusión de distintos destinos e produtos turísticos galegos, e o día 22 tivo lugar a presentación do programa Xacobeo 2010 aos operadores turísticos nacionais e internacionais e medios de comunicación, acto que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela.

  • Representación de toda Galicia

No recinto institucional de Galicia, ademais da oferta xeral do Turismo galego, estiveron representadas, como coexpositores, todas as cidades da Comunidade autónoma e os organismos de promoción turística Padroado Provincial de Turismo de Ourense, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Terras de Ulla e Tambre, Mancomunidade de Municipios da Terra Chá, Mancomunidade Terras de Pontevedra, Mancomunidade de Municipios da Ría de Arousa-Zona Norte, A Costa da Morte, PDPT Ferrol-Ortegal, e Mariña Lucense.

Todos estes organismos desenvolveron distintas actividades de promoción dos seus recursos e produtos turísticos na sala de actos do stand institucional de Galicia en FITUR.

  • Entroidos de Ourense

Dentro das actividades de difusión da oferta turística galega, salientou a presentación  do paquete Entroidos de Ourense, que permitirá xa este mes de febreiro disfrutar dos cinco entroidos ourensáns declarados festas de interese turístico de xeito conxunto.

Ao longo destes cinco días de feira, no stand institucional de Galicia desenvolvéronse varias actividades para captar a atención do público e os operadores turísticos.

Ao obxecto de promocionar o Xacobeo 2010 e o Camiño de Santiago, na feira estivo exposto o martelo empregado polo arcebispo de Santiago para derribar simbolicamente o muro da Porta Santa o pasado 31 de decembro, ademais de dúas actividades lúdicas que consistiron en percorrer a Ruta Xacobea a través dun simulador virtual e un espazo que lles posibilitou aos visitantes ataviarse como peregrinos e recibir un retrato fotográfico no momento.

Así, no simulador virtual do Camiño de Santiago participaron máis de 2.000 persoas e no apartado fotográfico realizáronse máis de 1.500 retratos.

  • Turismo de Saúde e augas de Galicia

Outra das actividades de promoción con máis éxito, foi a expedición de augas minerais de Galicia nun espazo no que os visitantes puideron obter información sobre as distintas clases de auga dos mananciais galegos Sousas, Aguasana, Aquabona, Cabreiroá, Fontecelta, Fuente del Val, Mondariz e Sanxinés.

Nesta actividade participaron máis de 7.000 persoas ao longo das xornadas de feira, que tamén tiveron cumprida información da oferta sobre Turismo de Saúde en Galicia.

  • Material de promoción

Nesta última edición de FITUR, Turgalicia presentou a nova edición dos folletos Aloxamentos turísticos de Galicia, Turismo Rural, Guía de Cámpings e Galicia al natural, sobre Turismo de Natureza. Ademais, todos os coexpositores ofreceron unha ampla gama de guías e folletos turísticos.

  • Centro Superior de Hostalaría de Galicia

No stand de Galicia en FITUR instalouse tamén un espazo de bar-degustación de produtos gastronómicos galegos que estivo atendido por 18 alumnos do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, institución docente dependente de Turgalicia.

O stand tamén contou durante a fin de semana coa actuación do grupo folclórico Xirandola e a presenza dun barquilleiro típico da Ribeira Sacra, así como un oleiro de Gundivós-Sober (Lugo).

También te puede interesar