RGPD - Cookies
Galicia

A marca Artesanía de Galicia internacionalízase

Moitos artesán gañan a vida a través das diferentes feiras na comunidade.
Moitos artesán gañan a vida a través das diferentes feiras na comunidade.

A Consellería de Economía e Industria considera fundamental a promoción da marca Artesanía de Galicia no ámbito internacional, polo que unha das súas áreas básicas de actuación é a introdución do sector artesán galego en novos mercados a través da presenza do stand institucional da marca en feiras de recoñecido prestixio. No ano 2009, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Artesanía de Galicia participou en sete eventos de referencia para o sector tanto profesionais como de venda directa a través dun stand no que viaxaron 56 artesáns galegos especializados en diferentes eidos coma o téxtil, a xoiería, o coiro, a cerámica, o cartón pedra, o vidro, a olería ou a elaboración de instrumentos musicais tradicionais.

O stand institucional presenta nos mercados de fóra de Galicia pezas únicas, de grande calidade artística e artesanal que, ademais, contan co valor engadido de estar elaboradas a través de técnicas e de oficios de tradición secular que lles imprimen personalidade e identidade cultural. E grazas a este stand, Artesanía de Galicia está comezando a facerse un oco nos mercados internacionais como marca diferenciada. No ano 2009, o produto artesán galego entrou en contacto co mercado internacional grazas á súa participación na edición de xaneiro das feiras Intergift e Iberjoya, enmarcadas na Semana Internacional do Regalo, da Xoiería e da Bixutería (Madrid), na feira profesional Maison & Object de París, na Mostra Internacional de Florencia, especializada en artesanía, na feira profesional Tendence de Frankfurt, e nas de venda directa Cadeaux à p’Art de Bordeos e L’Artigiano in Fiera, celebrada en Milán.

O stand institucional que participa nestas feiras conta cunha estrutura modular que se adapta para cada evento en función do espazo que se dispoña e do número de profesionais que participen, e componse de ata doce espazos individuais de exposición e venda, así como dun almacén conxuntos. A Consellería, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, subvenciona o 75% dos custes de aluguer de cada espazo individual, encárgase de montar os espazos expositivos e de subministrar o mobiliario, do transporte e do seguro das pezas, ademais de lles proporcionar aos artesáns o apoio de dous profesionais que desenvolven tarefas de tipo comercial e, ao mesmo tempo, actúan de tradutores.

No ano 2010, a Consellería de Economía e Industria ten previsto continuar con esta promoción do sector artesán galego no mercado internacional, así como reforzar o valor da marca Artesanía de Galicia como referencia e sinal de calidade e de prestixio do produto artesán feito en Galicia. Deste xeito, e a partir da experiencia do último ano, estableceuse un calendario coas feiras profesionais e de venda directa que se considera que se axeitan mellor ás características do produto artesán galego. Artesanía de Galicia estará presente nas dúas edicións da feira Maison & Objet de París, a que se está a celebrar estes días e mais do 3 ao 7 de setembro; na Mostra Internacional de Artesanía de Florencia (do 24 de abril ao 2 de maio), na Tendence de Frankfurt (do 2 ao 6 de xullo), na Cadeaux à P’Art, Burdeos (novembro) e mais na feira L’Artigiano in Fiera, Milán, prevista para o mes de decembro.

“Estamos convencidos da necesidade de dar a coñecer o traballo dos nosos profesionais a través da participación neste tipo de feiras, posto que consideramos que servirá como punto de partida para a promoción do sector artesán galego no seu conxunto, ao tempo que lle permitirá aos nosos profesionais abrir canles de comercialización cara ao exterior”, segundo explica a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez.

También te puede interesar