Galicia

As universidades galegas mostran a súa disconformidade co decreto do galego e critican que non se lles cosultase

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística fixo pública este martes a súa disconformidade coas bases para a elaboración do decreto do plurilingüísmo no ensino non universitario e demanda á Consellería de Educación a modificación do texto “conforme á obriga de potenciar o emprego do galego como principal sinal de identidade cultural”. As tres universidades difundiron un comunicado no que reafirman o galego como lingua propia tal e como consta nos seus respectivos estatutos, “tanto na docencia como na investigación” e lamentan as escasas porcentaxes de utilización da lingua galega na docencia universitaria.

Necesidade de cooperación
As tres entidades de educación superior demandan un consenso sobre as liñas básicas da política lingüística no sistema educativo e expresaron o seu malestar polo “feito de non ter contado coas universidades, a día de hoxe e de xeito formal, para informar ou opinar sobre esta proposta”. Neste sentido, consideran que deben ser as autoridades educativas as que establezan os currículos educativos e que regulen o emprego das linguas vehiculares no ensino, ao tempo que definen como negativo unha normativa que permita as diferenzas entre centros, “un elemento que pode provocar fortes fracturas sociais”.

Así, sosteñen que, coas porcentaxes de utilización do galego que se derivan desta proposta, “non se aseguraría a competencia necesaria en lingua galega nin se garantiría a equivalencia de coñecementos entre o galego e o castelán ao remate do ensino obrigatorio”. Con todo, as tres institucións amosan o seu compromiso coa diversidade lingüística e o coñecemento e uso de diversas linguas, sobre todo dentro do marco do EEES, pero “sen prexuízo da necesidade de establecer medidas que impulsen o plurilingüísmo a través de programas de apoio á docencia noutros idiomas”. As institucións académicas consideran fundamental garantir un coñecemento durante o ensino obrigatorio cunha importante presenza da lingua galega como idioma vehicular, única garantía do dominio necesario no contexto do ensino superior. Nese sentido afirman “observar con preocupación a diminución da porcentaxe de materias que se impartirán en galego” e amosan o seu desacordo coa desaparición da cuantificación para o ensino da FP e para o ensino de adultos, “dous lugares de onde se pode acceder á universidade”, incidindo así no desequilibrio entre galego e español”.

Fonte: DUVI

También te puede interesar