Cultura Destacados

O 15% de cada entrada de Espazo Atlántico acaba nas arcas de Igualarte

A idea de poder combinar a posibilidade de gozar ao contemplar unha obra de arte e escoitar o que os teus ollos queren contar coa práctica da solidariedade é posible durante os catro días que dura o Espazo Atlántico no Ifevi. A organización donará o 15% do diñeiro recadado coa venda de entradas á viguesa Fundación IgualArte, que naceu en 2002 para promover o desenvolvemento individual de persoas con minusvalías a través da arte.

IgualArte ofrece un espazo activo e integrador destinado a fomentar a creatividade, para o que organiza numerosas actividades artísticas lúdicas e de aprendizaxe, potenciando o benestar persoal con necesidades educativas especiais. Todo isto vehicúlase a través da música, a plástica, a expresión corporal e teatral, o baile, empregando os recursos dispoñibles na súa Fundación. Tamén iniciou unha liña de investigación de métodos e adaptacións curriculares en educación musical e artísticas para persoas con necesidades educativas especiais.

Un espírito que recolle plenamente Espazo Atlántico, que nesta cuarta edición se presenta baixo o eslogan “Ven a escoitar o que os teus ollos te queren contar”, que busca universalizar a arte, nun convite a gozar das obras que participarán alí con todos os sentidos, a escoitar coa mirada cando as palabras quedan curtas.

También te puede interesar