Menos tempo de resposta ás solicitudes que se lle fagan á administración, meirande competitividade, acceso os cretos por parte das empresas e axuda á internacionalización. Esos son os obxectivos do Plan re-Forza 2010 do Igape aprobado polo Conselo da Xunta.Internacionalización das empresas
Coa internacionalización, a Xunta pretende, en palabras de Feijóo, “facilitar e aperturar” as empresas galegas a mercados fóra de España, dada a situación económica na que se atopa o noso país debido á recesión. Por iso, o orzamento dedicado á internacionalización de empresas medra nun 56%.
O presidente puxo en valor as políticas executadas polo Goberno galego para facer fronte á crise. Citou, así, o Plan de austeridade, dotado con 1.144 millóns de euros; o Plan de choque, que afectou a máis de 1.100 millóns de euros que se reordenaron no Orzamento do ano 2009, e outras actuacións de carácter máis sectorial.
Feijóo mencionou o Plan re-Móvete destinado a incentivar a venda de vehículos. Pechado o ano 2009 e, a pesar da crise, o número de coches vendidos en Galicia no pasado ano “superou un 4% os vendidos en 2008”, apuntou.
O xefe do Goberno galego detallou que o número total de axudas ao tecido produtivo no ano 2009 “se triplicou” e superou os 630 millóns de euros, fronte aos 208 millóns euros do ano 2008. No acceso a financiamento, concretou que aquel que é subsidiado por parte do Igape incrementouse un 1.146%, pasando de 29 millóns de euros no ano 2008 a 360 millóns de euros no pasado ano.
