Destacados Vigo al minuto

O Consello da Xunta aproba os Estatutos da Universidade de Vigo

Edificio Enric Miralles del CUVI (Foto: pablocdk)
Edificio Enric Miralles del CUVI (Foto: pablocdk)

Despois que a Universidade de Vigo realizase o pasado mes de novembro as modificacións recomendadas pola Asesoría Xurídica do Goberno autonómico, o Consello da Xunta deu luz verde o decreto que recolle os novos Estatutos da institución académica. O documento, composto por 164 artigos, e que adapta os Estatutos á reformada Lei Orgánica de Universidades (LOU), entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O documento que foi cualificado pola presidenta da comisión creada para a reforma dos Estatutos e secretaria Xeral da Universidade de Vigo, Esther González como “froito do esforzo e consenso de todos”, establece como fins prioritarios da institución a consecución das máximas cotas de calidade de docencia e investigación e o fomento da procura de novos coñecementos, da creación artística e do desenvolvemento científico. Ademais, como organización pública, a Universidade de Vigo comprométese á difusión dos coñecementos e da cultura á sociedade.

Liñas fundamentais do documento

A equiparación do profesorado con vinculación á Universidade de Vigo co profesorado funcionario ou as adaptacións derivadas da nova regulación de determinadas figuras de profesorado, o que ocorre por exemplo co profesorado contratado doutor, xa que agora non pode ser contratado a tempo parcial, son dúas das liñas fundamentais do novo texto aprobado por unanimidade no Claustro celebrado en maio de 2008.

A incorporación no novo texto da estrutura de titulacións xerada polo proceso de adaptación ao EEES e as modificacións derivadas da necesidade de manter a paridade entre homes e mulleres nos distintos órganos e comisión, son outras características do novo texto que incorpora ademais cambios para revitalizar o Claustro como órgano de representatividade da comunidade universitaria. Así o Claustro poderá aprobar as liñas xerais da política orzamentaria e terá capacidade para informar sobre as novas titulacións de grao da Universidade de Vigo, así como a facultade ou escola á que se adscribe.

Fonte: DUVI

También te puede interesar