Destacados Vigo al minuto

Os tres reitores das universidades galegas selan o primeiro Acordo de Cooperación Universitaria

Os tres reitores buscan colaborar para ser máis competitivos.
Os tres reitores buscan colaborar para ser máis competitivos.

A cooperación en apostas estratéxicas no ámbito da investigación e da transferencia e a colaboración na docencia dos graos, centran o Acordo de Cooperación Universitaria presentado hoxe en Santiago de Compostela polos reitores das tres universidades galegas e que ten por obxectivo avanzar na colaboración entre as institucións académicas para que estas sexan máis competitivas individual e colectivamente, ao tempo que dan resposta ás demandas da sociedade e dos axentes económicos, sociais, políticos e culturais.

O acordo que foi cualificado polos tres reitores como “a iniciativa máis importante desde que existe o Sistema Universitario Galego en materia de cooperación en docencia e investigación”, contempla a colaboración na docencia non só nos mestrados e doutoramentos, senón tamén nos graos coa finalidade de dotalos dunha maior versatilidade e enfoques inter e multidisciplinares. En canto á investigación, os ámbitos das ciencias da saúde e tecnoloxías, na USC, do medio mariño, na Universidade de Vigo e da tecnoloxía sostible, na UDC, confírmanse como os tres polos científico-tecnolóxicos que representan a primeira concreción de agrupamentos estratéxicos no sistema galego de I+D.
“É un acordo de natureza voluntaria” sinalou o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago que tamén destacou que “o momento económico obríganos a buscar sinerxías entre as universidades sen perder a identidade e as características”. No mesmo sentido o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, reiterou que “o acordo non responde contra ninguén, senón que é un acordo de país enmarcado dentro da situación de crise económica actual”. Pola súa banda o rexedor da Universidade de A Coruña, José María Barja cualificou o acordo de “iniciativa histórica coa que se trata de guiar mellor as inversións das administracións públicas e ter maior probabilidade de éxito en programas competitivos estatais e internacionais”.

  • Primeiros agrupamentos estratéxicos

Coa finalidade de desenvolver unha investigación de maior impacto científico, económico e social, ao tempo que se procura unha maior eficiencia dos recursos, as tres universidades concentrarán os seus esforzos conxuntos en agrupamentos estratéxicos centrados nas ciencias e tecnoloxías da vida, o medio mariño e a tecnoloxía sostible, liderados pola USC, Universidade de Vigo e UDC, respectivamente.

Os tres reitores avanzaron na súa comparecenciae en Santiago de Compostela, que concorrerán á convocatoria de campus excelencia internacional conxuntamente, aínda que cada universidade liderará o seu. “A idea é que se abran os centros singulares, pero que non perdan a súa identidade os grupos de investigación”, sinalou Alberto Gago que manifestou a súa expectativa en que o acordo conte coa colaboración do Goberno galego.

  • Cooperación nun escenario con novos títulos

O Acordo de Cooperación Universitaria que segundo avanzou Gago “trataremos de perfeccionar un documento que levaremos aos órganos de goberno das universidades nas próximas semanas para darlle toda forza que precisa”, tamén traslada a colaboración entre as institucións ao ámbito docente e máis concretamente aos graos que segundo o reitor da Universidade de A Coruña, “teñen que ser cada vez máis versátiles e con enforques inter e multidisciplinares”. Barro considera ademais moi atractivo “poder cooperar nun escenario con novos títulos”, ao tempo que sinalou que “a única opción viable é ver como poñer os recursos que teñen as universidades a disposición dos títulos”.

  • Relacións entre institucións: docencia en Medicina e financiamento

En referencia ás relacións que manteñen as tres universidades, os reitores aludiron a “unha vontade cooperación que vai máis alá de discrepancias puntuais”. No caso concreto das diferenzas xurdidas en relación coa docencia en Medicina entre as universidades de Santiago e A Coruña, foi Alberto Gago o que sinalou que “o máis coherente para o Sistema Universitario de Galicia é volcarse na docencia de maior calidade posible”. Este xoves os tres reitores manterán unha reunión con responsables das consellerías de Educación e Sanidade para presentarlles un acordo sobre a docencia en Medicina, descartando polo momento falar de novas facultades de Medicina, algo que neste intre e tendo en conta o recorte de 20 millóns de euros operados pola Xunta no financiamento das universidades, Gago asegurou que sería un “contrasentido”.

No caso da relación que manteñen coa Consellería de Educación a raíz das crítica vertidas desde este departamento sobre a xestión que as universidades realizan dos fondos que se lles destinan, os rexedores universitarios afirmaron que é asunto pechado e que aínda que queda “traballo pendente”, están avanzando.

También te puede interesar