Galicia Sin sección

A campaña de marisqueo no Ulla, Bohído e Cabío rematou coa captura de 744 toneladas de bivalvos

marisqueoA campaña de libre marisqueo nos Lombos do Ulla, en Bohído e Cabío que se iniciou o pasado 5 de outubro de 2009 rexistrou a finais de decembro unha produción de 744.000 kilos de bivalvos, tras 50 xornadas de marisqueo, segundo a información facilitada polos puntos de venda á Consellería do Mar.

Segundo esta información aportada polas confrarías, dende o seu comezo e ata o 30 de decembro, que tivo lugar a última xornada de 2009, nos Lombos do Ulla, capturáronse un total de 467.346 quilos de berberecho, 65.940 de ameixa fina, 124.964 de xaponesa e 4.079 de babosa aproximadamente. A evolución das capturas de ameixa babosa nesta zona durante os tres primeiros meses de campaña foi mellor que a dos últimos catro anos, mentres que as capturas de ameixa xaponesa tamén son maiores a da anterior campaña, que resultou ser a mellor da serie analizada dende 2002. Pola súa banda, a da ameixa fina foi unha das campañas máis importantes dos últimos anos. Nas 50 xornadas de traballo contabilizadas neste banco marisqueiro participaron un promedio de 374 embarcacións e unha media estimada de 553 tripulantes por día.

No Bohído obtivéronse 19.490 quilos de ameixa babosa, 3.444 de ameixa fina, 2.491 de xaponesa e 481 quilos doutros bivalvos, o que reflicte que parte da frota preferiu faenar no banco dos Lombos do Ulla, o que rexistra máis actividade. Durante a actividade destes tres meses nesta zona participaron unha media aproximada de 57 barcos e 73 tripulantes por día. A maioría das embarcacións que faenaron no Bohído de outubro a decembro foron as da Illa de Arousa.

Por outra banda, nesta campaña 2009-2010 engádese ao seguimento o banco de Cabío, onde se obtiveron 10.452 quilos de ameixa babosa e 45.856 quilos de ameixa rubia cunha evolución estable das capturas. Aquí o esforzo pesqueiro nas 50 xornadas foi de preto de 100 embarcacións diarias en outubro e novembro, descendendo por debaixo dos 50 en decembro. Nos dous primeiros meses, as embarcacións que faenaron nesta zona eran maioritariamente da Illa de Arousa e en decembro da Pobra do Caramiñal.

 

 

 

 

 

 

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.