Galicia

Manuel Rivas entra a formar parte da Real Academia Galega

O eescritor Manuel Rivas
O eescritor Manuel Rivas

A Real Academia Galega pode esta dende hoxe máis orgullosa. O escritor Manuel Rivas ingresa como académico de número nesta institución, nun acto que terá lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña (UDC).

Rivas lerá no seu discurso de ingreso  ‘A boca da literatura (Memoria, ecoloxía e língua)’. Será contestado en nome da RAG polo académico numerario Xosé Luis Axeitos Agrelo.

Manuel Rivas Barrós, Manolo Rivas, naceu na rúa Marola do barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957. Estudou na escola pública de Castro de Elviña e no instituto de Monelos. É licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Comezou a súa carreira como xornalista moito antes de licenciarse, aos 15 anos, como meritorio en El Ideal Gallego. Foi colaborador en diversos medios de comunicación galegos: El Ideal Gallego, La Voz de Galicia. Tamén colaborou nas revistas Teima e Man Común, desenvolveu unha sección fixa no semanario A Nosa Terra, e foi cofundador e director da revista cultural Luzes de Galiza. Na actualidade mantén unha columna semanal no xornal El País, onde comezou como correspondente coruñés e fixo numerosas intervencións en medios de comunicacións audiovisuais.

No campo da creación literaria, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético Loia e na revista co mesmo nome apareceron as súas primeiras composicións poéticas en 1977. A partir de 1980 a obra literaria de Manolo Rivas introdúcese con audacia en todos os xéneros literarios: na poesía (Libro do entroido, Mohicania, Balada nas praias do Oeste), na novela (Os comedores de patacas, En salvaxe compaña, O lapis do carpinteiro, A man dos paíños, Os libros arden mal), no relato (Un millón de vacas, Que me queres amor?, As chamadas perdidas), no teatro (O heroe), na novela infantil e xuvenil (Todo ben, Bala perdida) ou no xornalismo literario (Toxos e frores, Muller no baño, Os grouchos).

Moitas destas obras foron levadas ao cine (A lingua das bolboretas, A rosa de pedra) e ao teatro (O lapis do carpinteiro, A man dos paíños).

Ademais da súa recoñecida obra literaria, avalada por numerosos premios (Premio de Poesía Nova de O Facho (1979), Premio Leliadoura (1989), Torrente Ballester de Narrativa (1995), Premio Nacional de Narrativa (1996), Premio da Crítica Española, Premio da Crítica de Galicia, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (1998), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente (1998), Premio ONCE – Galicia á Solidariedade, etc) temos que destacar o compromiso de Manolo Rivas coa lingua e coa nosa cultura, que proxectou con dignidade fóra das nosas fronteiras. Proba desta proxección é a tradución a vinte e un idiomas da súa obra narrativa O lapis do carpinteiro ou as trece linguas nas que se pode ler Que me queres amor?

También te puede interesar