Destacados Vigo al minuto

Os maiores de Vigo apúntanse ás novas tecnoloxías

A exposición será no Calvario
A exposición será no Calvario

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares, inaugurarán o mércores, 9 de decembro, a exposición itinerante Galiciadixital no Centro Sociocomunitario do Calvario.

A Secretaría Xeral de Medios decidiu achegar esta exposición itinerante aos maiores co obxectivo de ensinar a todos os galegos de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais.

A mostra, unha converxencia entre arte e tecnoloxía, está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades, e así o demostra o gran éxito que está a acadar nas localidades que a acollen.

Algúns dos contidos da exposición itinerante no Centro Sociocomunitario:

O visitante somérxese nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como por exemplo as Cidades do Camiño, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

Axóuxere é un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente. En modo automático o can atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota. E así ata oito contidos diferentes que permiten ao visitante gozar dunha experiencia nova e divertida.

“Aerodeslizadores por Compostela” é un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista “aerodeslizador”. Nesta carreira enfróntanse dous xogadores subidos nos seus correspondentes “aerodeslizadores”. Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira.

También te puede interesar