Vigo al minuto

O Pleno aproba por unanimidade o IV Plan de Igualdade

Pleno no que se aprobou o Plan de Igualdade
Pleno no que se aprobou o Plan de Igualdade

O pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade o IV Plan Integral de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes 2009-2012 do Concello de Vigo, que conta cun orzamento para a súa posta en marcha de 1.213.000 euros. Previo a defensa e explicación do Plan realizada pola concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, a representante do Consello da Muller, Luisa Ocampo, deu lectura á declaración institucional do Concello de Vigo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller,e no que se destaca o compromiso da administración local para acadar este obxectivo.

Na presentación do Plan de Igualdade, “instrumento para corrixir os desequilibrios sociais existentes para acadar a igualdade real”, segundo o definiu Iolanda Veloso, a concelleira nacionalista sinalou as 104 medidas concretas que contempla este documento para acadar ese obxectivo. Explicou que esas actuacións se desenvolverán nos eidos da educación en igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade, a participación económica, a violencia de xénero e a atención á diversidade.

A educación en igualdade é, a xuízo da edil do BNG, a área que ten un “peso fundamental”, polo que supón de prevención das desigualdades e sensibilización da comunidade educativa en particular e da sociedade no seu conxunto. Neste sentido destacou a importancia de elaborar e distribuir materiais con contidos non sexistas entre os centros de ensino da cidade, así como organizar actividades formativas para o profesorados e nais e pais. Tamén fixo referenza á realización de actividades de potenciación do deporte feminino e a promoción dunha linguaxe e imaxe non sexistas. A elaboración dun estudo sobre a situación social das mulleres en Vigo, a creación dun observatorio municipal de xénero e a realización dunha campaña de concienciación dirixida ao persoal sanitario para que o xénero se considere un elemento determinante na saúde integral das nenas e as mulleres foron outras das medidas que destacou a concelleira de Igualdade.

Na área de conciliación e corresponsabilidade, Iolanda Veloso sinalou a necesidade de ampliar o programa de Fomento da corresponsabilidade doméstica e familiar, así como de impulsar os servizos que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar e realizar actividades dirixidas ás empresas para facer cumprir as previsións legais existentes nesta materia. No tocante á participación económica, a edil nacionalista tamén defendeu a posta en marcha de medidas no ámbito empresarial, tanto as encamiñadas á eliminación de estereotipos de xénero como concienciación das persoas responsables da selección de persoal nas empresas co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Respecto ás adxudicacións públicas, abogou pola inclusión de cláusulas de contratación con empresas e outras entidades que promovan a igualdade.

A concelleira de Igualdade, no eido da violencia de xénero, salientou que o obxectivo fundamental das medidas que contempla o Plan consiste en “rematar coa situación de terrorismo contra as mulleres” e proporcionar atención integral as vítimas de violencia de xénero, tanto mulleres como nenos e nenas. Ao respecto, destacou a necesidade de poñer en marcha un programa de dinamización para erradicar o illamento e soidade e potenciar as relacións sociais das mulleres vítimas que o precisen. Asemade, instou á Xunta de Galiza a incrementar o persoal do Centro de Emerxencia, poñer en marcha un Centro de Recuperación Integral e mellorar o funcionamento do Punto de Encontro. Neste eido tamén fixo fincapé na pertinencia de analizar percepción que teñen os adolescentes de Vigo sobre a violencia de xénero, xa que segundo apuntou cada vez está máis estendida a crenza de que forma parte das relacións entre homes e mulleres.

Traducir a diversos idiomas o material informativo sobre os servizos dirixidos a mulleres inmigrantes, desenvolver actividades de concienciación e información sobre igualdade entre os homes inmigrantes e difundir entre as mulleres prostituídas información dos recursos dirixidos ás mulleres foron tres das medidas que salientou Iolanda Veloso no eido da atención á diversidade. Elemento común a todos os eidos do Plan destacou a necesidade de difundir o Plan de Igualdade en todos os ámbitos sociais.

Na súa intervención, a edil afirmou que este cuarto Plan de Igualdade foi aprobado por unanimidade polo Consello da Muller e partiu na súa elaboración da avaliación do terceiro Plan de Igualdade e a participación de diferentes departamentos municipais, movementos asociativos e diferentes axentes sociais. Iolanda Veloso indicou asemade que para elaborar o novo documento se tiveron en conta diversos datos do Instituto Galego de Estatística, segundo os cais en Vigo as mulleres representan o 52% da poboación, porcentaxe que chega ao 60% no caso das mulleres maiores de 60 anos. No tocante ao nivel de estudos, as mulleres que non saben ler nin escribir son o 78,5% da poboación. “A desigualdade na formación sitúa ás mulleres nunha posición discriminatoria respecto a igualdade de oportunidades”, dixo Iolanda Veloso ao respecto. No ámbito laboral, indicou que os datos amosan unha “masculinización e feminización dos sectores”, xa que a maioría das mulleres so se produce no sector servizos, cun 52% de presenza feminina.

“Hoxe non é o día de entrar no debate político, senón de agradecer o traballo e o compromiso de todos e todas para chegar a este cuarto Plan de Igualdade”, destacou a edil do BNG. Finalmente, salientou que a aprobación por unanimidade do Plan é “exemplo da asunción do compromiso para erradicar a violencia de xénero”.

También te puede interesar