Galicia

O idioma galego lucíu en Berlín

Stand galego en Expolingua
Stand galego en Expolingua

Miles de visitantes achegáronse ao longo desta fin de semana ao expositor que a Secretaría Xeral de Política Lingüística desprazou á Expolingua de Berlín, en Alemaña, co fin de dar a coñecer neste escaparate das linguas información sobre o galego. As persoas que se achegaron desde o venres a esta feira internacional puideron achegarse a outros 203 expositores, procedentes dun total de 31 países.

No stand da Xunta de Galicia, os visitantes da Expolingua de Berlín puideron informarse sobre cursos e outros programas de aprendizaxe da lingua galega, sobre os recursos e diversos materias dispoñibles para coñecer este idioma ou acerca da historia e a situación actual da lingua propia de Galicia. Ademais, a feira internacional das linguas de Berlín tamén puxo en marcha diversas actividades paralelas, como obradoiros, presentacións, cursos de idiomas ou proxeccións de películas, entre outras.

  • Arredor de 15.000 persoas visitaron a Expolingua de Berlín

Desde o venres ata hoxe calcúlase que visitaron a Expolingua de Berlín arredor de 15.000 persoas. Malia que a feira está aberta ao público en xeral, entre os que se achegaron atopábanse, maioritariamente, estudantes, profesores, catedráticos, tradutores e intérpretes. No que respecta aos expositores, participaron desde administracións públicas ata universidades, escolas de idiomas, institutos de cultura, editoriais e fabricantes de software especializado na aprendizaxe e tradución asistida por ordenador, entre outros.

  • As expolinguas, un espazo para o intercambio cultural

Este tipo de iniciativas pretenden servir de espazos de encontro de institucións lingüísticas procedentes de diversos países do mundo e mais de entidades de formación en idiomas co fin de fomentar o intercambio cultural e a promoción da diversidade lingüística. Ao mesmo tempo, as expolinguas constitúen un escaparate de referencia para dar a coñecer ferramentas e posibilidades de aprendizaxe das linguas.

También te puede interesar