Cultura Vigo al minuto

A tradución galega dos últimos 30 anos, a un click

Britaga recolle a tradución galega dos últimos 30 anos.
Britaga recolle a tradución galega dos últimos 30 anos.

Britaga, a Biblioteca da Tradución Galega, recolle toda a produción da tradución galega dende 1980 ata a actualidade de forma dixital e nunha firme aposta da Facultade de Filoloxía e Tradución pola valorización do sector e os seus profesionais. Unha obriga por parte da Universidade de Vigo como campus coa única facultade que imparte a titulación de Tradución e Interpretación en Galicia e a única no mundo que conta con tradución dende e cara ao galego.

Coordinada polas profesoras Ana Luna, Iolanda Galanes, Silvia Montero e Áurea Fernández, Britaga compila a referencia bibliográfica dos textos literarios traducidos cara a e dende a lingua galega, co obxectivo de proxectar a importancia política e cultural da produción traducida. Un traballo tralo que se atopa inmerso un grupo de investigación dende o ano 2004 e que comprende textos dende 1980 ata 2008, o período de maior volume de produción de tradución en Galicia, aínda que non descartan poder seguir traballando cara atrás no tempo nun futuro.

A biblioteca recolle a referencia tanto dos textos orixinais como dos de chegada xunto cos autores do texto e da tradución, as linguas de partida e chegada (puntualizando se é unha tradución directa ou cunha lingua ponte e o seu obxectivo é favorecer o intercambio científico dos datos con todas aquelas persoas interesadas neste ámbito de coñecemento, como tradutores, editoriais, asociacións profesionais, asociacións de escritores ou a comunidade académica e investigadora.

O catálogo contén na actualidade 6.000 referencias e o motor de busca permite localizalas atendendo tanto ao título como ao autor ou ao tradutor. Principalmente trátase de textos literarios e as fichas de cada un ofrecen un amplo abano de información que permite, entre outras cousas, localizar en que biblioteca se pode atopar o texto.

También te puede interesar