O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo volveu situar no centro do debate político o accidente mortal do “Saltamontes” ocorrido nas festas de Matamá o 3 de agosto de 2024. A formación nacionalista esixe ao Goberno municipal que faga público o correo electrónico remitido desde a Concellería de Seguridade á Policía Local no que se advertía de que a atracción presuntamente carecía de autorización municipal.
A petición prodúcese despois da declaración como investigado do xefe da Policía Local no xulgado de Vigo, no marco da causa aberta polo sinistro no que faleceu Iván Castaño, de 36 anos. «Segundo expuxo en sede xudicial, non recibiron ningunha orde expresa para proceder ao precintado da instalación, malia que o correo informaba da falta de permiso pola presunta ausencia de documentación».
Testemuña «moi relevante»
O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou esa testemuña de “moi relevante” para determinar o alcance das responsabilidades. “573 días despois a pregunta segue a ser a mesma: se a atracción non tiña autorización municipal, por que se permitiu que funcionase e por que non se precintou?”, reiterou.
Desde a formación nacionalista entenden que a existencia dese correo e o seu contido concreto resultan determinantes para esclarecer se houbo unha cadea de omisións ou unha falla de instrucións claras. Sosteñen que a inmobilización da atracción podería ter evitado o fatal desenlace, extremo que deberá dirimir a investigación xudicial.
O BNG tamén cuestiona que «a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, e o seu xefe de servizo apuntasen cara á Policía Local ao referirse á comunicación electrónica». Para os nacionalistas, facer público o correo permitiría contrastar versións e disipar dúbidas.
Transparencia
A formación volve demandar, ademais, maior transparencia por parte do executivo local e lembra que se vetou a creación dunha comisión de investigación municipal. “A veciñanza ten dereito a coñecer a verdade”, defendeu Igrexas, que apelou á responsabilidade política do alcalde, Abel Caballero, para aclarar o sucedido.
Outras novas
- España supera por primera vez los 22 millones de ocupados y marca récord histórico de empleo
- Cortes de tráfico en Vigo: en el Casco Vello, Praza de Compostela y túnel de Beiramar
- Becas de comedor y libros: hasta 70€ al mes por alumno y sin listas de espera
- Nos deja el sol y vuelven las nubes y la lluvia
- ¿Qué hacer este fin de semana en Vigo?





