Comarcas

@depo_es organiza dende este xoves, en Soutomaior a xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals

A xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals arranca este xoves, día 7 de xuño, en Soutomaior coas mulleres máis relevantes no campo da igualdade do panorama galego e estatal.

Baixo o título “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión”, a Deputación de Pontevedra ten por obxectivo, tal e como adiantou Carmela Silva, “achegar o pacto á realidade municipal, ás persoas que no ámbito local traballan coas vítimas das violencias machistas”.

Con todas as prazas esgotadas, a Escola de Igualdade María Vinyals arrancará a xornada anual ás 9.30 coa inauguración oficial a cargo da presidenta da Deputación e da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas. Media hora despois terá lugar a conferencia sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado a cargo de Ángeles Álvarez, militante feminista que desenvolveu un papel clave na posta en marcha do pacto e tamén para conseguir que o goberno cumprise a súa promesa de destinar 200 millóns de € este ano á posta en marcha de medidas contempladas no mesmo.

Ás 12 horas terá lugar a mesa redonda titulada “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Análise desde o ámbito xurídico e social” na que participan Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e ex vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, e María Luisa Soleto, directora da Fundación Mujeres e compoñente do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.

Xa pola tarde, a partir das 4, celebraranse os obradoiros “Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición da xustiza equitativa”, a cargo de Gloria Poyatos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas; “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, impartido por Yolanda Domínguez, artista visual e experta en Comunicación e Xénero; e “A atención primaria e o seu compromiso ante a violencia de xénero”, a cargo de Rosana Izquierdo, médica de atención primaria e responsable do grupo sobre violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

Finalmente, ás 6 e media da tarde, desenvolverase a clausura da xornada “Pacto de Estado. E agora que?” a cargo de María Paz Filgueira, maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo.

También te puede interesar