Comarcas

Corte de tráfico durante 2 meses da estrada Meira-Fraga, de titularidade provincial, polas obras do viaduto de A Fraga, no Corredor do Morrazo

A estrada provincial EP-1102 entre Meira e Fraga, dentro do concello de Moaña, estará cortada ao tráfico entre os puntos quilométrico 2+400 e 2+600 durante dous meses debido aos traballos de construción do viaduto de A Fraga, dentro do proxecto de conversión en autovía do Corredor do Morrazo.

O corte ao tránsito iniciarase ás 9 da mañá deste mércores día 6 e prolongarase ata agosto, baixo o viaduto existente para a calzada esquerda. A empresa responsable dos traballos, a UTE Morrazo (formada por Covsa e Taboada y Ramos), necesitará este tempo para instalar as dúas pías (a 2 e a 3) da nova ponte.

A estrada EP-1102 é titularidade da Deputación de Pontevedra e funciona de conexión entre outras dúas estradas autonómicas pasando polo lugar de A Fraga: a PO-313 e a PO-551. Co fin de que as persoas usuarias sufran as menores consecuencias posibles polo corte, a concesionaria instalará sinalización para advertir do peche ao tráfico e anunciará os desvíos alternativos a través de outros accesos baixo o corredor cara ao núcleo de Moaña.

Está xa resolta tamén a dificultade que se plantexaba para o transporte escolar ata que remate o curso, cun acordo coa empresa Monbus para que realice sendas recollidas de escolares nos dous lados da vía de forma simultánea en lugar de nun único percorrido.

Hai que lembrar que a EP-1102 foi a estrada que se utilizou para repoñer o tránsito ata o núcleo da vila de Moaña mentres o corredor do Morrazo permaneceu pechado por obras.

También te puede interesar