Cultura

O programa de ‘Trens Turísticos de Galicia’, empeza este sábado cun cen por cen de ocupación

As rutas dos Faros e a Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo río Sil inauguran este sábado, cun cen por cen de ocupación nas súas primeiras saídas, a sexta edición do programa Trens Turísticos de Galicia.

Desde hoxe e ata o mes de outubro realizaranse 56 saídas nas 12 rutas temáticas programadas e que, por primeira vez, inclúen teatralizacións nalgúns itinerarios a cargo de personaxes que descubrirán a historia dos lugares que atravesan.

As dúas rutas inaugurais permiten coñecer boa parte dos mellores recursos da costa e do interior de Galicia. No caso do itinerario dos Faros, este ano inclúe por vez primeira un programa opcional para coñecer Ferrol en profundidade. O seu percorrido, comprende, entre outros, unha visita a Cabo Ortegal, Santo André de Teixido, o Cabo de Estaca de Bares, O Barqueiro ou Ribadeo. Pola súa banda, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo Sil permite coñecer enclaves como Monforte de Lemos, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e inclúe visitas a adegas desta Denominación de Orixe e paseo en catamarán.

Xunto a elas, nos vindeiros meses esta proposta turística permitirá introducir novidades como a nova Ruta dos Mosteiros, coa que se poderán visitar o pazo de Oca, e o mosteiro de Carboeiro, ademais do mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou o templo da Veracruz do Carballiño. Rematarase a xornada no balneario de Caldas de Partovia. Tamén se estreará a Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Miño. No seu itinerario estarán presentes, espazos como o Ecomuseo Arxeriz amais dun paseo en catamarán polo Miño.

A elas sumaranse, a Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, a Ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, a Ruta do viño das Rías Baixas, a Ruta dos viños do Ribeiro-Rías Baixas, a Ruta do Viño Monterrei, a Ruta da Lamprea, a Ruta Lugo Romano e a Ruta Ourense termal e Versalles, que remata nas Termas de Outariz. As viaxes teatralizadas pola Ruta do Viño Monterrei, a Ruta dos Viños do Ribeiro e Rías Baixas.

Turismo de calidade e sustentable

Os Trens Turísticos de Galicia 2018 inclúen visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 40€ para adultos e 20€ para os nenos de entre 3 e 13 anos. Os billetes pódense adquirir na web de Renfe. Amais, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia ou no  teléfono 912 555 912 da Central de Reservas de Trens Turísticos.

También te puede interesar