Vigo al minuto

Adrián é o bebé número 10.000 nado no Hospital Álvaro Cunqueiro

Adrián Pérez Covelo xa entrou na historia do Álvaro Cunqueiro ao converterse no bebé número 10.000 nado desde que se abriu a área de Maternidade no hospital vigués o 25 de setembro de 2015.

O nacemento produciuse ás 5,09 horas do pasado día 16 e Adrián pesou 2,6 quilos no momento do nacemento e tanto a nai como o bebé foron dados de alta dous días despois.

A dirección da Área Sanitaria de Vigo rendeu unha homenaxe á familia diante da estatua do “Titán” situado no acceso do hospital, que é un símbolo de protección e apoio á paternidade. Os pais de Adrián recibiron un ramo de flores, un pequeno obsequio e un diploma que acredita ao neno como o bebé 10.000 do Álvaro Cunqueiro.

Da evolución por anos constátase que no ano 2015, desde o primeiro nado o 25 de setembro, naceron 1.025 bebés. No no 2016, foron 3.814 os nados. No devandito 2017 rexistráronse 3.928. Desde xaneiro de 2018 ata finais de abril foron 1.082. E no mes de maio, ata o pasado domingo, día 20, foron 186.

Máis nenos que nenas

Nos últimos anos constátase un cambio de tendencia en cando ao sexo dos bebés que nacen na área sanitaria viguesa. O número de nenos é superior ao de nenas, como o demostran os datos de nacementos desde que comezou a funcionar a maternidade no Hospital Álvaro Cunqueiro. Un 51,2% dos nados son homes, mentres que as nenas representan o 48,8% do total.

A pesar de que Vigo está á cabeza no número de nacementos en Galicia, a tendencia que se observa no que vai de ano é á baixa con respecto ao mesmo período do ano anterior. Así, entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 20 de maio dese mesmo ano, naceron no Álvaro Cunqueiro 1.366 bebés. No que vai de ano 2018, e ata o pasado domingo, 20 de maio, o número de nacementos foi de 1.254, o que representa unha diferenza de 112. Traducido a porcentaxe, os nacementos entre xaneiro e maio de 2018 supoñen un 8,2% menos que no primeiros cinco meses do ano pasado.

También te puede interesar