Deportes Vigo al minuto

2.000 xogadoras e xogadores converterán este xoves a Vigo nunha enorme cancha de balonmán

Este xoves, día 17, celebrarase en Vigo a  11ª edición do Día do Balonmán na Rúa, que é a festa de clausura das Escolas Deportivas da Federación Galega de Balonmán e a Deputación provincial de Pontevedra da tempada 2017/18.

Na edición deste ano hai máis de 160 equipos inscritos, disputaranse  máis de 330 partidos e participarán uns 2.000 nenos e nenas das diferentes escolas deportivas e clubs da provincia.

Ademais este ano as e os participantes, así como todos aqueles que se acheguen ata a zona de ocio do Balonmán na Rúa, terán a posibilidade de facerse fotos co trofeo de campión do Europeo sénior, acadado pola selección española hai uns meses en Croacia.

Durante a xornada lúdico-deportiva, que comezará ás 10 da mañá, os rapaces -de idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos- disputaranse máis de 330 partidos das categorías prebenxamín, benxamín, alevín mixto e infantil masculino e feminino nos 11 campos dispostos ao longo da rúa Arenal.

Ao finalizar a competición, ás 6 da tarde, celebrarase o acto de clausura no que se procederá á entrega dunha medalla conmemorativa a todas e todos os xogadores participantes.

También te puede interesar