Galicia

Sanidade forma a 1.500 profesionais de Atención Primaria na emerxencia cardiovascular

Sanidade acaba de impulsar un novo programa de formación, a Rede de Capacitación Sanitaria (REDCASA), dirixido a aumentar a seguridade do paciente por medio do adestramento dos equipos profesionais sanitarios, no seu lugar de traballo e na súa xornada laboral.

Neste adestramento empréganse técnicas de simulación avanzada que remedan situacións reais, con avaliación competitiva mediante rúbricas específicas vinculadas a obxectivos trazables de resultados en saúde. A iniciativa prevé adestrar nesta primeira fase a un total de 1.550 profesionais sanitarios, dos 5.114 de Atención Primaria do Sergas ante unha emerxencia cardiovascular.

O obxectivo principal do proxecto é a seguridade do paciente. Neste primeiro ano o programa, que se centra na emerxencia cardiovascular, chegará ao 30% do persoal sanitario de Atención Primaria, aínda que o obxectivo é alcanzar en sucesivas edicións ao 100%.

O programa comezou a súa andaina o pasado mes de febreiro en centros sanitarios das Xerencias de Xestión Integrada (EOXIS) de Santiago, Vigo, Coruña e Lugo e estendérase ao longo deste mes de abril e maio ás EOXIS de Pontevedra, Ferrol e Ourense. Estímase que o proxecto finalice no mes de xullo.

Cardiopatía isquémica

A cardiopatía isquémica é a primeira causa de morte no mundo. En Europa, as enfermidades cardiovasculares supoñen ao redor do 40 % do total de mortes en menores de 75 anos. A maioría das mortes evitables débense a enfermidades coronarias e ocorren no medio extrahospitalario, estimándose que a parada cardíaca súbita é a responsable de máis do 60% das mortes de adultos por enfermidade coronaria.

También te puede interesar