Cultura Galicia

Educación pon en marcha ‘EduExchanges’, un programa de intercambio para que estudantes de 3º e 4º da ESO melloren o seu coñecemento de idiomas

A Consellería de Educación acaba de por en marcha o programa “EduExchanges”, de intercambio de alumnado entre centros escolares galegos e centros do estranxeiro, co fin de que os rapaces melloren as súas competencias lingüísticas noutro idioma, nun contexto de convivencia diaria nunha contorna familiar.

Esta iniciativa está dirixida a alumnado que estea cursando 3º e 4º de ESO, e nela poden participar todos os centros de ensino públicos galegos que teñan desenvolvido algunha iniciativa deste tipo -ou teñan previsto facelo- entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño deste ano. O idioma de estudo obxecto do intercambio poder ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumno.

A Consellería de Educación financia esta iniciativa -que se convoca por primeira vez este ano- cun total de 105.000€ que se distribuirán entre o máximo dos 15 centros seleccionados. Cada un deles recibirá unha cantidade de 300€ por alumno participante e outros 1.000€ para o profesorado acompañante.

Segundo se establece na convocatoria – que se pode consultar premendo aquí-  as solicitudes para beneficiarse do financiamento para estes intercambios, deberán tramitalas os propios centros escolares, que serán tamén os encargados de seleccionar ao alumnado candidato ata un máximo de 20 estudantes por centro. Ademais establécese un número mínimo de 10 alumnos para poder acollerse ao proxecto; aínda que a Consellería podería autorizar un número inferior de xeito excepcional atendendo ás características específicas do centro.

Os centros educativos deberán ocuparse de todos os aspectos organizativos relacionados co intercambio, incluída a planificación das actividades educativas e extraescolares que consideren, baixo a supervisión dun docente que exercerá de coordinador.

Pola súa banda, as familias do alumnado participante no proxecto comprométense a recibir na súa casa a un alumno doutro país e a responsabilizarse do seu aloxamento e manutención.

También te puede interesar