Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A Unidade de Tuberculose de Vigo obtén a máxima acreditación da Sociedade Española de Neumoloxía e Ciruxía Torácica

O responsable da UTB, Dr. Vázquez Gallardo, con parte do equipo

Con motivo do Día Mundial da Tuberculose que se celebra este sábado, a Área Sanitaria de Vigo fai público que a Unidade de Tuberculose do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) ven de recibir a máxima Acreditación nacional outorgada pola Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica (SEPAR), que a acredita como “Unidade Especializada de Tuberculose de Alta Complexidade con criterio de Excelencia”.

Tan só hai 10 Unidades españolas que recibiron esta Acreditación, polo que a UTB viguesa figura no ‘Top-Ten’ nacional no diagnóstico e tratamento desta patoloxía.

Esta Unidade, dependente do servizo de Pneumoloxía, está localizada no Hospital Nicolás Peña. Segundo o seu responsable, o doutor Rafael Vázquez Gallardo, “esta acreditación significa que a Unidade cumpre cos requisitos asistenciais relacionados co seu funcionamento ao máis alto nivel de excelencia, como son a cualificación do equipo de profesionais, o número de pacientes atendidos, ou as técnicas utilizadas”.

Galicia é unha zona na que a tuberculose ten unha especial prevaleza e, como consecuencia o número de casos detectados e diagnosticados é maior que a media no resto de España.

Dacordo co último baremo publicado pola Consellería de Sanidade, a área de Vigo ten a incidencia de casos máis baixa de toda a comunidade, con 16,7 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que o global de Galicia é 20 casos por 100.000.

Desde a implantación do Plan Galego de Prevención e Control produciuse un descenso dun 8,1% anual no índice de casos detectados na área sanitaria de Vigo.

Temos un magnífico laboratorio de microbioloxía que conta con todas as técnicas diagnósticas actualizadas. Un dato que o apoia é que máis do 81,2% das tuberculoses respiratorias tratadas teñen confirmación bacteriolóxica”, afirma o doutor Vázquez Gallardo.

También te puede interesar