Galicia

O Tribunal Superior de Galicia declara ilegal que se esixa o nivel B1 dun idioma estranxeiro para obter un título universitario

A Sección Primeira da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera ilegal nunha sentenza que se esixa o nivel  B1 dun idioma estranxeiro para obter un título universitario se este requisito non está incluído no plan de estudos.

O caso concreto estudado refírese ao grao en Historia da  Universidade de Santiago de Compostela. Afírmase na sentenza que “se se analiza seguidamente o plan de estudos resumido por módulos e por cursos non aparece por ningunha parte a esixencia de coñecemento do nivel  B1 dunha lingua estranxeira, nin sequera de coñecemento transversal”. Así, os maxistrados afirman que, ao non acharse no plan de estudos aprobado e publicado a esixencia de coñecemento do nivel  B1 da lingua estranxeira, non cabe impoñela para a obtención do título”.

“A autonomía universitaria permite que cada Universidade tome a iniciativa na elaboración do plan de estudos ao comezo do procedemento de verificación e acreditación dos títulos, pero non ampara que, unha vez aprobado e publicado o plan de estudos, se introduza esta esixencia do nivel  B1 de lingua estranxeira, que non figura naquel plan, como requisito imprescindible para a obtención do título”, indícase no fallo.

Para o tribunal, “non cabe negar a competencia da USC para a introdución da devandita esixencia, pero iso non pode realizarse á marxe do plan de estudos e a través dun acordo do  Consello de Goberno, pois entrañaría prescindir de canto impón a regulación contida no  RD 1393/2007 para a obtención do título, e supoñería unha esixencia engadida sen amparo normativo algún, de modo que non cabe negar a expedición do título cando acreditou superar toda a formación teórica e práctica obrigatoriamente esixida polo seu plan de estudos”.

También te puede interesar