Ciencia y Tecnología Galicia

O inverno,que remata este martes ás 5 da tarde, péchase con 8 graos de media e máis precipitacións que o anterior

O inverno galego, que remata este martes, día 20, ás 17:15 horas, péchase cunha temperatura media cun valor de 8.1ºC, que deixa unha anomalía de -0.4ºC; e que se pode considerar normal para esta época.

Así o confirmou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, que hoxe presentou en rolda de prensa o balance climatolóxico correspondente á estación, que foi definida como moi húmida e normal, en canto á temperatura.

Neste senso, a responsable de Calidade Ambiental e Cambio Climático indicou que a estación de inverno -en canto as temperaturas máximas- foi fría, cunha anomalía de -0.6 ºC; mentres que as temperaturas mínimas foron normais para a época do ano.

O inverno comezou cun mes de decembro no que as temperaturas foron lixeiramente frías, pero non estiveron moi afastadas dos valores normais do período de referencia 1981-2010; e o mes de xaneiro resultou lixeiramente cálido, principalmente debido a un certo predominio das situacións de suroeste.

Tendo en conta as precipitacións rexistradas, o inverno pode considerarse húmido, cunha porcentaxe de precipitación dun 19% por encima do normal para esta estación do ano. O paso de borrascas con nome propio, como Ana ou Bruno, que deixaron moita precipitación fixeron que decembro acabara como o mes máis chuvioso do ano 2017.

Asemade, xaneiro tivo un comportamento típicamente invernal, caracterizado polo achegamento sucesivo de borrascas que circularon polo Atlántico norte; pero tendo en conta o cómputo global da Comunidade, a precipitación estivo un 7% por debaixo do normal para este mes. Destacan as comarcas da Terra Chá e do Eume, onde choveu máis do dobre do esperado e tamén é salientable o número de días de chuvia rexistrados na comarca de Ferrol, que acadou ata 25 días.

En relación ao mes de febreiro, a distribución da precipitación sufriu un gran contraste; pois mentres nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra as precipitacións estiveron moi por riba da media, na provincia de Ourense os rexistros quedaron incluso por debaixo da media climática.

En definitiva, a precipitación total acumulada no inverno 2017-2018 deixou os valores máis altos na Comarca do Condado e do sur da de Pontevedra, con valores por riba dos 1.200 L/m2; mentres que os máis baixos rexistráronse na provincia de Ourense, onde -en localidades coma Verín ou a Comarca de Valdeorras- os valores estiveron entorno aos 200 L/m2. O valor medio de precipitación para o conxunto de Galicia foi de 573 L/m2.

También te puede interesar