'Qué te cuentas?' Sucesos

Os axentes forestais que estiveron nos lumes que arrasaron Galicia en outubro denuncian que “seguen sen cobrar un centimo da Xunta”

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) e as organizacións sindicais con representación no colectivo (CIG, CC.OO., CSI-F e UXT) queren poñer de manifesto que os profesionais que na vaga de lumes que sufriu Galicia no mes de outubro de 2017 estiveron á fronte do operativo no terreo, exercendo a dirección da extinción,  a día de hoxe seguen sen percibir un céntimo polo seu traballo, case cinco meses despois.

“Mentres, na Xunta de Galicia hai cartos para pagar anuncios propagandísticos, como quedou patente recentemente nunha entrevista televisiva en La Sexta co presidente da Xunta, e para pagar empresas externas para que fagan o traballo que nos corresponde ao persoal funcionario”.

APRAFOGA e as organizacións sindicais denuncian que “a Xunta de Galicia fixo oídos xordos, pese ás advertencias destas entidades en varias ocasións de que ía ser unha campaña de incendios complicada, e ás solicitudes en varios escritos da renovación dunha orde de horarios que reducira o exceso horario que estes traballadores están sendo obrigados a sufrir”.

As organizacións representativas deste colectivo profesional esíxenlle á Xunta que retome as negociacións, iniciadas no 2017, sobre as condicións de traballo e que levan paralizadas dende o mes de decembro, por decisión da Dirección Xeral de Función Pública, pese a que se comprometera a tela rematada o pasado 1 de decembro.

Os axentes forestais e medioambientais consideran que despois de levar máis de dez anos “cun acordo de condicións de traballo caducado e totalmente obsoleto” é hora de que a Xunta pague o que debe e se sente a negociar cara o futuro.

También te puede interesar