Destacados Vigo al minuto

Sanidade anuncia un investimento de 5 millóns no Meixoeiro para as unidades de Mama, Medicina Nuclear e Radioterapia

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) vén de anunciar o investimento dun total de 5 millóns de euros para as obras de ampliación da Unidade de Mama, Medicina Nuclear e Radioterapia dese hospital do Meixoeiro, como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, que anuncia a licitación destas obras no devandito centro.    

En concreto, recóllense tres licitacións: a contratación dos servizos de dirección da obra cun orzamento de 127.813,06 euros; o servizo de control de calidade, con 38.749,69 euros; e a propia obra de adaptación funcional cun orzamento que ascende a 4,829.521,76 euros e un prazo de execución de dez meses e medio.

Sanidade sinala que coa actuación na Unidade de Mama vaise ampliar, mellorar e integrar nun único servizo  todos os recursos diagnósticos da mama da área de Vigo, tanto os de cribado poboacional como os de diagnóstico hospitalario.

Esta Unidade cambiará de emprazamento trasladándose a planta -1, a “uns espazos que duplicarán á superficie dos actuais, pasando de 400 metros cadrados aos 860 da nova localización”. Ademais, integrarase na mesma zoa o Programa Galego de Detección Précoz do Cancro de Mama que vense desenvolvendo na Casa do Mar de Vigo.

Outro dos servizos que vai experimentar unha adaptación funcional é o de Medicina Nuclear, que ampliará as súas dependencias para centralizar toda a actividade asistencial e mellorar o circuíto dos fluxos de usuarios, diferenciando os de adultos dos pediátricos, e habilitando unha área específica de espera para os nenos, con aseos propios.

En relación coa ampliación da Unidade de Oncoloxía Radioterápica, o Sergas indica que vai a experimentar un incremento dotacional importante, con máis habitacións e consultas. Así , tendo en conta o aumento do volume de pacientes a tratar, dótase da terceira habitación de terapia metabólica e de dúas novas habitacións de braquiterapia.

Ademais, amplíase con 8 novas consultas e con áreas específicas para o emprazamento  das Unidades de Física médica e Dosimetría.

También te puede interesar