Cultura Vigo al minuto

En marcha un proxecto que pretende a recuperación dos ecosistemas mariños das Illas Atlánticas

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a impulsar un proxecto pioneiro co obxectivo de poñer en marcha unha rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Como primeiro paso, esta semana constituíronse dúas mesas de traballo nas que 23 expertos de organismos relacionados co medio mariño, especialistas das tres universidades e pescadores e mariscadores analizaron o problema do lixo mariño neste espazo natural.

A iniciativa, que conta co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e o propio Parque Nacional como promotores, dispón dun orzamento de 55.896,51€ e forma parte do ‘Programa Pleamar’, unha iniciativa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). O proxecto desenvolverase ao longo de todo o ano 2018 e incluirá distintas tipoloxías de accións co fin de recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños do parque desde a sustentabilidade.

Outra das funcións desta rede de traballo multidisciplinar será a creación dun sistema de alerta temperá para rexistrar a perda ou a localización de artes de pesca e lixo nos fondos do parque. Neste sentido, o que se persegue é que os pescadores e mergulladores que realicen inmersións no entorno deste espazo natural transmitan datos de localización sobre o lixo que atopen ou as artes de pesca perdidas, de xeito que eses datos non se perdan e poidan empregarse en futuras labores de limpeza.

Entre as entidades participantes figuran o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Asociación Española de Basuras Mariñas, os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e as confrarías integradas nos mesmos, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, entidades do terceiro sector, concellos, voluntarios e as tres universidades galegas.

O proxecto tamén prevé accións directas de mellora dos ecosistemas, para o que se organizarán ao longo do ano limpezas de fondos e areais para protexer e recuperar a biodiversidade do parque nacional aplicando o protocolo de recollida do lixo que defina previamente a rede de traballo.

También te puede interesar