Vigo al minuto

@efectopasillo abre o venres cun concerto na Porta do Sol o Entroido de Vigo

Entre o 9 e o 14 deste mes Vigo vivirá o seu Entroido que, entre outras actividades, abrangue tres concertos programados na Porta do Sol, propostas para os máis pequenos e o tradicional desfile de comparsas e carrozas, que partirá do nó de Isaac Peral ás 6 da tarde do próximo sábado, día 10.

O Entroido comeza a tarde do próximo venres, 9 de febreiro, con animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol antes da entronización do Meco ás 8 e o concerto-pregón a cargo de ‘Efecto Pasillo’.

Para o sábado 10 tamén, o Concello ten prevista animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol desde as 5 as 6 da tarde, precisamente cando arrancará desde o nó de Isaac Peral o desfile-concurso de comparsas e carrozas, que percorrerá García Barbón e Policarpo Sanz para finalizar na Porta do Sol. A medianoite, na Porta do Sol, actuación da Orquestra Israel.

Na mañá do domingo 11 se celebrará unha carreira popular, con modalidades infantil, adulto e veterano, desde a Porta do Sol. Os máis pequenos correrán por Príncipe e os maiores completarán o percorrido por Elduayen, Paseo de Alfonso XII, rúa Pi y Margall, rúa López de Mora, Avenida das Camelias, rúa Romil, rúa Cachamuíña, Ronda de Don Bosco, rúa Progreso, rúa Doutor Cadaval e final novamente en Porta do Sol.

A tarde do domingo ofrecerá contacontos para os nenos na Porta do Sol ás 5 da tarde, compaxinado coa animación de rúa neste entorno ata as 7 e unha chocolatada infantil ás 6 na Porta do Sol.

O luns 12, xunto á animación de rúa pola tarde no centro, o Entroido Infantil no Concello de Vigo, con obradoiros e a actuación de Lolo Globotolo desde ás 5 da tarde e o concurso de disfraces para os menores de 13 anos, con inscripción na propia lonxa do Concello desde as 5 ata as 6,cando comece o concurso.

O concurso de disfraces para maiores de 14 anos será na tarde do martes 13, xunto a obradoiros infantís e a actuación clown de Bambolina na lonxa do Concello. Na mesma xornada repetirá novamente a animación de rúa de tarde e tamén de noite, no acompañamento, ás 10 e media da noite da queima do Meco na Porta do Sol, que será ás 11.A noite do martes, verbena da Orquestra Compostela con dous pases na Porta do Sol.

A programación municipal do Entroido conclúe o mércores 14 de febreiro na Porta do Sol. Desde as 6 da tarde terán lugar as tradicionais exequias funerarias solemnes das comparsas, o acompañamento da comitiva, o sepelio do Meco e os oficios laicos, xunto á resolución do concurso de comparsas.

También te puede interesar