Galicia

Concentración de xubilados e pensionistas en Vigo, este mércores, en defensa das pensións

O colectivo de Xubilados e Pensionistas da CIG de Vigo convoca para este mércores, día 31 de xaneiro, ás 11 da mañá, na Farola de Urzáiz, unha mobilización en defensa do sistema público de pensións.

“Nos últimos anos, coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, pasamos por que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación”, ata que, sinalan  no 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida.

Esas reformas aprobadas polos gobernos alternos de PSOE e PP, “complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación”.

Como resultado, salienta este colectivo, na actualidade “temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas. Perto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións en Galicia estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español”.

También te puede interesar