Comarcas

A nova entrada peonil adaptada do Aparcadoiro da Xunqueira, en Redondela, mellora a accesibilidade das persoas con diversidade funcional

O alcalde de Redondela, Javier Bas, a tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, María del Carmen Amoedo, e o concelleiro de Tráfico, Arturo González, asistiron este martes á posta en funcionamento do novo acceso peonil ao Aparcadoiro da Xunqueira, adaptado para persoas con diversidade funcional.

A nova entrada dispón dun ascensor que comunica a vía pública cos sotos -1 e -2 e un ‘casetón’ de entrada ao aparcadoiro. Ademais proxéctase un aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida, no primeiro soto, e dúas prazas adaptadas no soto segundo.

A obra, que tivo un orzamento de 30.805,31 €, vén de cumprir cunha das prioridades do Goberno local: a eliminación da barreiras e o reto de “lograr a accesibilidade plena de todas as persoas coma una necesidade para garantir a igualdade”, subliñou a concelleira de Benestar Social.

Este empeño pola mellora da accesibilidade abrangue iniciativas coma a contorna do novo pavillón de A Marisma, que foi posible logo do investimento de 100.000€ do Plan Hurbe; a sinatura dun convenio coa Asociación Aspavi para acabar coas barreiras no edificio do Concello; a reforma dos accesos á praia de Cesantes; máis recentemente a instalación dun ‘bucle magnético’ no Auditorio do Multiusos da Xunqueira para persoas con dificultades auditivas– que se suma ao existente no Rexistro do Concello e ao proxectado no Multiusos de Chapela- a realización por parte de unha ducia de funcionarios dun curso de linguaxe de sinais e a difusión do coñecemento do bastón que empregan as persoas xordo-cegas, todo elo grazas a varos acordos coa Organización de Xordos de Galicia (XOGA).

También te puede interesar