Galicia

@Xunta abre o prazo para inscribirse na bolsa de emprego temporal para bombeiros forestais e condutores de motobomba

A Xunta de Galicia abrirá en xaneiro un prazo de inscrición na bolsa de emprego temporal da Administración galega en dúas listas correspondentes ao servizo de defensa e extinción de incendios forestais: a de bombeiro forestal e a de bombeiro forestal-condutor de motobomba.

A Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, fixou un prazo extraordinario para a incorporación de novas solicitudes nestas dúas listas abertas. Este prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día 2 de xaneiro ata o 15, ambos inclusive, tal como recolle unha resolución que se publicará a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Para poder inscribirse nas listas e ser contratadas, as persoas interesadas deberán dispoñer da titulación esixida para cada categoría. Para acceder ás listas de bombeiro forestal é necesario ter cursada a escolaridade obrigatoria; e para bombeiro forestal-condutor de motobomba precísase o graduado escolar ou equivalente e permiso de conducir ‘clase C’ cunha antigüidade mínima de dous anos. Ademais, deberán superar unha proba de aptitude física, que garante que a persoa elixida poderá realizar os labores propios do posto de traballo, e cumprir o resto de requisitos esixidos.

Para determinar a orde pola que as persoas inscritas en cada lista serán chamadas para a cobertura dun posto de traballo, a normativa vixente establece un baremo aplicable para a elaboración das mesmas. A Xunta terá en conta os méritos que o solicitante reúna a data do 31 decembro do ano inmediatamente anterior –neste caso o 2017-, entre os que se inclúe o coñecemento do terreo. A posición nas listas de cada aspirante determinarase pola suma de puntuacións atribuídas aos seus méritos.

A Dirección Xeral da Función Pública resolveu abrir un prazo extraordinario tras analizar o número de integrantes das devanditas listas, a especial criticidade e a sensibilidade das funcións que desempeña o persoal laboral correspondente á categoría 033 do grupo IV (bombeiro forestal-condutor de motobomba) e á categoría 014 do grupo V (bombeiro forestal).

O prazo extraordinario de presentación de solicitudes permitirá incorporar ás referidas listas  persoal interino para o desempeño, con carácter transitorio, de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

También te puede interesar