Ciencia y Tecnología

A vendima deste ano medrou preto dun 3% grazas ao aumento da DO Rías Baixas

Os resultados globais da vendima deste ano en Galicia sinalan que a produción medrou un 2,8% ao superar os 61 millóns de quilos de uva recollidos.

Este incremento débese aos bos resultados da denominación de orixe (DO) Rías Baixas que compensou a caída das denominacións ourensáns, facendo que a colleita deste ano se coloque un 9,6% por riba da media do decenio 2008-2017.

Unha suba importante considerando a caída da produción noutras zonas produtoras do Estado, que se sitúa en torno ao 15% con respecto ao ano 2016. Nos principais países produtores do mundo, Italia e Francia, as baixadas foron do 23% e 19%, respectivamente. Así, a previsión de produción mundial indica que houbo unha baixada de en torno ao 8%, convertendo a vendima do ano 2017 na máis baixa do século.

Esta importante caída da produción noutras zonas produtoras de España e dos principais países produtores do mundo vai supoñer unha moi boa oportunidade para ampliar mercados, sobre todo para a DO Rías Baixas que tivo unha colleita abondosa.

No tocante á calidade da uva, cómpre destacar que foi moi boa nas cinco denominacións, polo que as previsións apuntan a viños de gran calidade, como se viñan facendo ata o de agora. Neste senso, predominaron as variedades brancas con máis de 52 millóns de quilos de uva, que representan o 85% da uva total colleitada. Entre as variedades destaca a albariña (73,5% da uva branca total), seguida de lonxe pola treixadura cun 8,7% e a godello cun 7,7%. No caso das uvas tintas, predominou a mencía cun 78,2% sobre o total.

Datos por denominacións

Analizando os datos por denominacións de orixe, destaca Rías Baixas co 64,08% do total recollido (máis de 39 millóns de quilos). Por terceiro ano consecutivo prodúcese un aumento da cantidade de uva vendimada nesta DO, o que supón un incremento produtivo dun 17,8% respecto da campaña anterior e un 32,4% respecto ao valor medio da década 2008-2017.

A DO Ribeiro supón o 15,43% do total, con 9,4 millóns de quilos de uva recollidos. Seguidamente situáronse as DO Ribeira Sacra, que representa o 8,98% da produción total con 5,5 millóns de quilos colleitados, e Valdeorras cun 6,81% (4,1 millóns de quilos).

Finalmente, a denominación de Monterrei foi a que acusou un descenso máis pronunciado na súa produción respecto da campaña precedente como consecuencia dos episodios de xeada e sarabia. Representa un 4,70% da produción total con 2,8 millóns de quilos de uvas colleitados.

Sector estratéxico

As cinco denominacións de orixe vitivinícolas agrupan á inmensa maioría do sector do viño en Galicia. O case medio milleiro de adegas acollidas comercializaron en 2016 uns 416.000 hectolitros de viño, cun valor en orixe duns 195 millóns de euros (un 8,3% con respecto ao 2015).

También te puede interesar