Comarcas

O Concello de Redondela concedeu Axudas de Comedor Escolar por un importe de máis de 25.000€

Concellería de Benestar, que dirixe María del Carmen Amoedo, concedeu este curso 2017-2018 Axudas de Comedor Escolar por un importe total de 25.290,50€.

Podían solicitar as mesmas as unidades familiares, e de convivencia, nas que houbese menores escolarizados en centros públicos situados no Concello de Redondela e que cursasen 2º ciclo de Educación Infantil (3-5 anos) ou Educación Primaria, e fixesen uso do servizo de comedor escolar.

O Goberno local aprobara estas axudas para cubrir o período que abrangue dende o comezo do ano lectivo, en setembro de 2017, ata o remate do mesmo, en xuño de 2018 e os requisitos para optar a elas eran que os solicitantes estivesen empadroados en Redondela, e con residencia efectiva permanente na vila, cunha antigüidade mínima de 1 ano inmediatamente anterior á data das bases e convocatoria, contar con praza adxudicada para os menores no servizo de comedor escolar dun centro educativo público situado no concello de Redondela e non exceder dunha renda per cápita anual para a unidade familiar dos menores, no caso das familias de 2 membros, 12.000€; de 3 integrantes, 15.000€; de 4 compoñentes, 18.000€; de 5 persoas, 21.000€ e de 6, non máis de 24.000€.

O Concello xa adiantou para este primeiro trimestre escolar axudas por un importe de 6.910,63€ ás familias que realizaran a solicitude e que cumprían as condicións establecidas na convocatoria.

Maria del Carmen Amoedo, salienta que a concesión destas axudas resolveuse este ano a primeira semana de novembro, cando no anterior curso escolar non se fixera antes do mes de febreiro e lembra que xa as bases polas que se regulamentaban estas axudas, así coma o prazo de apertura de solicitudes, adiantáronse máis de dous mes en relación con outros anos, “en 2016 o prazo non rematara ata o 22 de setembro, cando xa comezara o curso”.

Así mesmo, a tenente de alcalde subliña a importancia destas axudas que teñen coma obxectivo esencial “garantir a escolarización, compensar as posibles carencias de tipo familiar ou económico, evitar situacións de risco, facilitar o rendemento escolar e asegurar unha nutrición axeitada ás rapazas e rapaces “.

También te puede interesar