Ciencia y Tecnología Galicia

@depo_es prorroga o contrato de rozas das gabias das estradas de titularidade provincial

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a prórroga do acordo marco que regula o servizo de rozas nas marxes das estradas de titularidade provincial. O motivo deste aprazamento, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, é garantir que as cunetas e marxes da rede viaria provincial estean saneadas e en correcto estado de mantemento ata que se adxudique o grande contrato de conservación viaria previsto para 2018.

Deste xeito, pódense planificar as actuacións inminentes e ata comezos do verán (data na que se prevé comecen a traballar as novas adxudicatarias) e garántese a cobertura na primavera, cando se debe actuar nas estradas para evitar problemas na época estival.

A actuación das empresas nos vindeiros meses consistirá na roza e limpeza de gabias e marxes do viario con medios mecánicos –motoniveladoras-, retirando pequenas plantas, maleza e broza, así como na retirada do produto resultante a un vertedoiro autorizado.

Os traballos realizaranse en oito lotes. O primeiro lote realizarase nos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño, Cotobade e Campo Lameiro. O lote número dous está vencellado á área que forman os concellos do Morrazo (Cangas, Moaña, Bueu, Marín e Vilaboa), así como Pontevedra, O Grove, Sanxenxo, A Illa, Vilanova, Vilagarcía e Cambados.

O terceiro lote é para a área da brigada con base no polígono de Botos en Lalín, que abrangue os concellos de Lalín, Rodeiro, Vila de Cruces, Agolada e Dozón. No cuarto lote están os concellos de Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, Mondariz e Fornelos de Montes. O quinto lote é o dos concellos con base no parque de Ponteareas, e beneficiará á area de Ponteareas, Salvaterra, Salceda, As Neves, Arbo, A Cañiza, Crecente, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario.

O sexto lote, con Base en Codeseda, abrangue parte da zona Norte, nos concellos de A Estrada, Cuntis, Caldas, Catoira, Valga, Ponte Cesures e parte de Silleda.  O lote número sete corresponde á área da brigada con sé en Gondomar, que da servizo aos concellos de Porriño, Tui, Tomiño, Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Gondomar e Vigo, e o lote número oito mellorará estradas provinciais que son atendidas dende o parque de Codeseda nos concellos de A Estrada, Silleda, Forcarei, Cerdedo e Cotobade.

Novo contrato

O novo contrato de conservación ordinaria da rede viaria provincial está planificado para catro anos. Inclúe dúas campañas anuais de rozas, unha de campaña limpeza e reapertura de gabias cada catro anos, e un repintado de marcas viarias cada catro anos, operacións de atención de incidencias como a retirada e limpeza de aterramentos, saneo de noiros, estabilización con muros, execución de colectores ou drenaxes,  colocación ou reparación de sinalización vertical, balizamento e sistemas de contención de vehículos, entre outras cuestións.

Este contrato, que permitirá agrupar en tres zonas as adxudicacións de obras, servizos, sinalización e subministro de materiais que xa se adxudicaban ata o de agora externamente para completar as actuacións das brigadas provinciais  ten un orzamento inicial de 20.711.149,63 euros (3.915.701 euros por exercicio). As empresas interesadas en participar están en prazo para presentar as súas ofertas ata o 20 de decembro . A intención é que os contratos se poñan en marcha o máis rápido posible ao longo do 2018.

También te puede interesar