Vigo al minuto

@depo_es adxudica o servizo de implantación, uso e soporto do padrón de habitantes para concellos de Pontevedra

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación da prestación do servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de padrón municipal de habitantes para os concellos da provincia por un importe de preto de 500.000€.

A presidenta da institución provincial xa anunciaba a pasada semana que “estamos a piques de adxudicar o contrato para que todos os concellos da provincia que o desexen poidan dispoñer dun novidoso servizo de xestión do padrón”.

Mediante este contrato levarase a cabo a prestación dos servizos para implantar, migrar os datos, poñer en marcha, así como impulsar a formación e o mantemento dun sistema informático para xestionar o padrón municipal de habitantes. Amais, o contrato tamén ten por obxectivo integrar o padrón coa plataforma de administración electrónica existente nos concellos, o que permitirá que dispoñan dun servizo que facilite e axilice a realización dos trámites municipais, reducindo os tempos de espera do cidadán, optimizando o gasto e os recursos existentes e xerando unha administración máis próximo á cidadanía.

Deste xeito, asegurou Carmela Silva,“entre outras cuestións, a cidadanía poderá pedir certificados de empadronamento sen pisar o concello, desde as súas casas”.

En total presentáronse ao concurso para optar á prestación de servizos catro empresas, das cales a que obtivo a maior puntuación foi Aytos Soluciones Informáticas S.L.U., quen se encargará de prestar os servizos na modalidade de SaaS (software como  un servizo). Esta modalidade supón que nin a Deputación de Pontevedra nin os concellos de menos de 50.000 habitantes van asumir coste algún de instalación ou dotación de infraestrutura hardware ou software derivada do uso do sistema.

Unha vez formalizado o contrato coa empresa, abrirase un prazo para que os concellos que estean interesados soliciten a súa adhesión ao servizo e comezará a implantación do padrón, migrando os datos na aplicación actual e integrando o padrón coa sede electrónica dos concellos.

Amais da implantación, o novo servizo do padrón inclúe formación a través de cursos “in situ” nos concellos para as persoas encargadas da súa xestión e oferta un soporte para resolver as consultas e incidencias da cidadanía por vía telefónica ou telemática. Tamén se vai prestar un servizo de mantemento correctivo e evolutivo que permitirá corrixir erros e poñer en marcha novas funcionalidades. Aytos Soluciones Informáticas S.L.U. terá de prazo para executar o contrato dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de outros dous anos.

Silva lembrou que “unha das grandes funcións das deputacións provinciais é a de ofrecer asistencia, incluída a técnica, aos concellos”. Por ese motivo, amais do padrón municipal de habitantes, a Deputación de Pontevedra está a promover unha estratexia global de solucións tecnolóxicas, así como o proxecto de administración electrónica en 54 concellos da provincia que converteu á institución en pioneira en Galicia, ao ser a primeira administración en poñer en marcha un proxecto para axudarlles a facer fronte á lei 39/2015.

También te puede interesar