Comarcas Vigo al minuto

@carmelasilva presenta ‘Mulleres en acción.Violencia Zero 2017-2018’ con 25 accións en 25 concellos

Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, de deputadas e deputados provinciais e de alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia, presentou a nova programación de “Mulleres en acción. Violencia Zero 2017-2018” que arrancará o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas.

No acto de presentación da terceira edición do programa tivo lugar tamén a última performance de “Mulleres en acción. Violencia Zero 2016-2018” a cargo de María Marticorena.

O programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” naceu en novembro de 2015 a través dunha acción simultánea en 10 concellos da provincia de Pontevedra. O principal obxectivo do programa, tal e como informou a presidenta da Deputación, é fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e reflexiva sobre a violencia machista ao tempo que se promove e da visibilidade a artistas novas galegas, realizando un achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Ao respecto, Silva destacou que “no mundo da cultura hai milleiros de mulleres traballando e, sen embargo, é un dos eidos onde máis invisibilidade feminina existe. Por isto, a través deste proxecto, queremos empoderar ás mulleres e dar a coñecer todo o talento feminino que temos, un talento posto ao servizo da loita contra as violencias machistas”.

O goberno da Deputación, tralo éxito da primeira edición, decidiu impulsar un renovado “Mulleres en acción. Violencia Zero” no que se puxeron en marcha 25 accións ao longo do ano en 25 concellos da provincia:“25 accións en homenaxe ao 25 de novembro, Día Internacional contra as Vilencias Machistas”, tal e como asegurou esta mañá Silva. Nesta segunda edición do programa, amais, incrementáronse as disciplinas artísticas engadindo, á performance, danza, teatro, música, poesía e graffiti disciplinas que se repetirán na terceira edición do “Mulleres en acción. Violencia Zero”.

Silva asegurou que “queremos dar un paso máis reivindicando a igualdade de xénero e poñendo o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista no noso país e por iso preparamos, desde este mes ata o mesmo mes do 2018, 25 novas accións que se realizarán nos concellos de Pontevedra e Vigo (novembro 2017); Mos e Cerdedo-Cotobade (decembro 2017); A Lama e Forcarei (xaneiro de 2018); As Neves e Lalín (febreiro 2018); Cambados e Ponteareas (marzo 2018); Barro e A Cañiza (abril 2018); Valga e Silleda (maio 2018); Catoira e Gondomar (xuño 2018); A Guarda e A Illa de Arousa (xullo 2018); Bueu e Moaña (agosto 2018); O Porriño e Ribadumia (setembro 2018); Vilagarcía de Arousa e Mondariz (Outubro 2018) e O Rosal (novembro 2018).

A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que “a estes 25 concellos levaremos 25 accións culturais cargadas de compromiso, de mensaxe, de denuncia, de conviccións, de principios, de valores, de loita pola igualdade e denuncia das violencias”.

Estas accións, amais da performance, incluirán poesía, música, graffiti, danza contemporánea e acción escénica co obxectivo, tal e como informou Silva, de “berrar, alto e forte, con rabia, para levar á conciencia da sociedade todo o que padecen as mulleres”. Ao respecto, a presidenta asegurou que “este ano van 49 mulleres asasinadas, 7 máis que no 2016 nestas mesmas datas, apuñaladas, queimadas, tiradas pola ventá, con centos de golpes e deixando orfos e orfas… e non podemos consentir que isto sega a suceder porque cando unha muller é asasinada, a sociedade é golpeada duramente”. Con “Mulleres en acción. Violencia Zero” pretendemos denunciar e que non haxa silencio ante esta lacra social porque unha sociedade non pode ser democrática, nin xusta, se o 52% da poboación sofre violencia polo mero feito de ser mulleres”.

También te puede interesar