Comarcas

Gastronomía, música e a recreación da dificultade e laboriosidade do traballo do ‘escribinte’ en Redondela ao redor do ‘Pergamiño Vindel’

Imaxe:vigoalminuto/Estas son as propostas que Redondela ofrece en relación co Pergamiño Vindel, o manuscrito do medievo coas cantigas de Martín Códax, que estará exposto no Museo do Mar de Vigo ata o vindeiro mes de marzo.

O secretario xeral de Cultura do Goberno de Galicia, Anxo Lorenzo, xunto coa concelleira redondelá Teresa París, e varios dos responsábeis destas actividades- que tamén se realizarán en Vigo, Cangas e Baiona- presentaron este proxecto que será unha realidade dende este mesmo mes.

Unha destas actividades será “As cociñas do Pergamiño Vindel”, varios concursos de tapas que terán unha orixinalidade especial: terán que elaborarse con ingredientes que houbese en Galicia na Idade Media…o cal supón, coma sinalou Xosé Manuel García, non poderán levar nada posterior ao descubrimento de América. E dicir: nada de pataca, millo ou pementos, por exemplo.

Os concursos, organizados da man das asociacións de hostaleiros de cada concello serán no mes de decembro en Baiona e Redondela e en febreiro do ano que ven en Vigo e Cangas.

Outra das propostas, coma sinalou Belén Bermejo, de Pres de Cambrai, é “A música no tempo de Martín Códax” e que abranguerá talleres dirixidos a todo tipo de público nos que se tocarán, con réplicas de instrumentos medievais, composicións dos séculos XII e XII. A aceptación desta iniciativa foi tal que xa non hai prazas para o taller programado na Illa de San Simón a semana que ven.

A última das ofertas é única para Redondela e trátase do ‘Scriptorium’, unha actividade para estudantes que se organizará no Multiusos da Xunqueira, os martes e venres ata o 15 de decembro. Rocío Marín, de Mekané Didáctica, sinalou que na mesma as rapazas e rapaces coñecerán, de primeira man, nunca mellor dito, o moi traballoso e minucioso proceso de escribir un pergamiño medieval usando a caligrafía gótica.

Ademáis, o Goberno de Galicia impulsa, en todo o país, ‘Vinde-vídeos’, unha idea proposta por Xurxo Martínez , técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela, o cal, coma sinalou o director xeral, amosa o interese amosado por Redondela no Pergamiño Videl.

Nesta liña, a concelleira de Cultura, Teresa París, salientou que estas actividades permitirán que as galegas e galegos coñezan unha peza, esencial da nosa historia e unha parte única e orixinal da lírica de Europa.

También te puede interesar