Comarcas Vigo al minuto

@depo_es destina preto de 90 millóns a recuperar, previr e impulsar un novo modelo forestal para a provincia

A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra presentaron este martes pola mañá, en rolda de prensa, un novo plan global transversal que a institución vai poñer en marcha para recuperar, previr e impulsar un novo modelo forestal para a provincia.

En total, todas as diferentes actuacións que a institución provincial porá en marcha a través deste plan global sumarán preto de 90 millóns de euros que permitirán que os concellos, dende estes momentos, poidan dar resposta ás consecuencias e danos provocados pola vaga de lumes, impulsar novos proxectos de prevención e adoptar un novo modelo forestal adaptado á situación á que se enfronta a provincia debido ao cambio climático.

Este plan artellase de xeito transversal a través das diferentes áreas da Deputación no marco das súas competencias e respectando a autonomía municipal. Así, o mesmo impulsarase dende a cooperación municipal e dende a concienciación, prevención e cambio de modelo da política forestal na provincia de Pontevedra.

Carmela Silva explicou polo miudo que a Deputación vai posibilitar o cambio dos fondos do Plan Concellos 2017 para que os municipios poidan reparar os danos dos incendios acontecidos en outubro de 2017 en materia de infraestruturas municipais, bens, maquinaria e equipamentos municipais e infraestruturas locais de abastecemento de auga.

Xunto a esta modificación, e coa finalidade de axilizar as actuacións de mellora de infraestruturas e servizos municipais así como para non condicionar e frear as previsións de investimentos dos concellos por mor dos danos dos incendios, o organismo provincial vai impulsar un Plan Concellos Bianual 2018-2019 o que vai supoñer –tal e como subliñou Silva- “unha inxección moi relevante de recursos para os concellos”.

A través desta actuación os concellos poden dispoñer de 12 millóns de euros do Plan Concellos 2017, máis de 40 millóns de euros do Plan Concellos 2018 e máis de 30 millóns de euros que se corresponderían co Plan Concellos 2019.

O vicepresidente, César Mosquera , insistiu en que a Deputación “está a reconducir case toda a actividade e orzamentos da institución provincial para aportar solucións realistas” e engadiu que “esta é a resposta máis potente que puidemos formular. Esgotamos os nosos recursos económicos e de coñecemento ata finais do mandato. É un esforzo para afrontar os danos e tamén para mostrar que hai outro camiño para facer as cousas doutra maneira. Non hai solucións máxicas. Si hai solucións realistas e ímolas poñer sobre a mesa con este paquete de medidas que acabamos de anunciar”, afirmou.

Carmela Silva informou que “dentro deste apoio aos concellos da provincia estamos moi preocupados pola necesidade de cambiar o modelo da política forestal o que implica, tamén, a concienciación da cidadanía”.

Neste eido, a presidenta asegurou que “nos programas que poñamos en marcha, a partir destes momentos, imos introducir iniciativas educativas de forma transversal para impulsar un maior coñecemento do monte como medio natural, para concienciar á cidadanía sobre como previr ou como debe actuar ante situacións como a vaga de lumes que afectou á provincia en outubro de 2017”.

Xunto a estas actuacións, tamén se van incorporar máis partidas a través do Plan Revitaliza, novos recursos do Plan de Parques Forestais, que faciliten a prevención e o cambio na política forestal, e o impulso dun estudio, sobre o que xa se falou coa Universidade de Vigo, elaborado por expertos e técnicos mundiais para plasmar directrices claras sobre como actuar no monte galego.

Neste sentido, o vicepresidente quixo facer fincapé en que se ben o investimento económico é importante, tanto ou máis o será o asesoramento dos mellores expertos do mundo en materia forestal. Ao respecto, Mosquera tamén se referiu ao acordo coa Universidade de Vigo a través do cal técnicos e profesionais van elaborar en dous ou tres meses un documento con directrices de como actuar no monte que servirá de acción aos concellos é incluso á Xunta de Galicia.

“Hai xente que sabe, e hai que facer unha revisión sistemática do que acontece e poñelo a disposición. Hai que descartar os problemas que non funcionan e recoller o máis avanzado do mundo, tanto de expertos galegos, portugueses, americanos, canadianos, australianos… que crearán un documento guía concreto e operativo”, explicou.

Así mesmo, Mosquera subliñou que é preciso que os concellos se adapten ás condicións  coas que terán que vivir no futuro á hora de utilizar os recursos económicos que aportará a Deputación: o quecemento global e o récord de emisións de CO2 á atmosfera. Destacou que hai anos que os expertos veñen anunciando que as consecuencias destes problemas ambientais se ían notar no Norte da Península Ibérica con máis temporais, máis seca e máis lume.

“Agardemos que os concellos teñan en conta isto á hora de utilizar os recursos que poñemos a disposición, xa que teñen que ter un enfoque global de actuación para os problemas do monte. Non pode ser que teñan infraestruturas –de abastecemento de auga, de subministro, equipamentos…- en precario fronte aos incendios”, salientou o nacionalista, quen fixo fincapé unha vez máis en que tanto por extensión como polo seu estado, “a situación do monte é o peor problema ambiental de Galicia”.

Pola súa banda, Carmela Silva recordou tamén que as administracións competentes para as liñas de axuda para a reparación dos danos son o Estado e a Xunta de Galicia e que son eles quen deben cubrir todas as consecuencias dos lumes.

Silva lamentou que a día de hoxe o Goberno de España aínda non teña declarada á provincia de Pontevedra como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil e manifestou o seu desexo para que “hoxe, na reunión que o delegado territorial da Xunta de Galicia ten convocada cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados polo lume, se diga que no próximo Consello de Ministros se vaia proceder a esta declaración xa que así se fixo cando aconteceron catástrofes en Andalucía e Valencia (en decembro do 2016) en cinco días e agardo que aquí, que levamos o triple de tempo, o fagan no próximo Consello”.

También te puede interesar