Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Os profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro acadan un tempo de resposta mellor do recomendado fronte a un Ictus

Os profesionais do Álvaro Cunqueiro conseguiron un tempo de resposta para administrar o tratamento fibrinolítico aos pacientes con ICTUS de 53.6  minutos, cifra que mellora o tempo recomendado polas sociedades científicas establecido en 60 minutos.

Con motivo da celebración do Dia Mundial do Ictus que se conmemora o próximo día 29, onte realizouse un simulacro para constatar os tempos de atención e identificar posibles áreas e situacións nas que aínda hai marxe de eficiencia e mellora .

Segundo explica o doutor Sánchez Herrero, un dos neurólogos coordinadores da Unidade xunto co doutor José Luís Maciñeiras –“o Ictus constitúe unha emerxencia médica que require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o tratamento, porque canto máis tempo dure a interrupción do fluxo sanguíneo cara o cerebro, maior é o dano. Estamos moi satisfeitos xa que desde que constituimos a Unidade de Ictus conseguimos unha importante diminución do tempo desde que o paciente chega ao hospital ata que se inicia o tratamento fibrinolítico, pasando do 80.9 minutos no 2015 aos 53 minutos de hoxe en dia”-.

Con motivo da celebración do Dia Mundial do Ictus que se celebra o próximo día 29, os especialistas organizaron una Mesa informativa atendida por facultativos e persoal sanitario especializado no tratamento desta enfermidade.

Ademais de explicar os síntomas e tratamentos, realizaron probas a aquelas persoas que se prestaron voluntariamente. As probas, moi sinxelas, consistiron en tomar a tensión e nunha análise de glucemia capilar.

A Unidade de Ictus atendeu a 1.200 pacientes

A ferramenta máis importante para o tratamento da enfermidade é a Unidade de Ictus. Precisamente, a do Hospital Álvaro Cunqueiro cumpre neste mes de outubro dous anos de existencia, durante os que ingresaron 1.200 pacientes. A Unidade conta con seis camas con monitorización permanente.

Un dos elementos fundamentais para que os tratamentos do ictus dean bos resultados é a rapidez no diagnóstico. De feito, desde a posta en marcha da Unidade hai un neurólogo de garda no hospital, que se encarga de realizar o diagnóstico inicial do paciente con sospeita de padecer a enfermidade.

O protocolo existente na actualidade no Álvaro Cunqueiro permite diagnosticar ao paciente nun prazo non superior a unha hora. O circuíto está preparado de tal xeito que se activa o protocolo tanto se chega o enfermo en ambulancia ao Servizo Urxencias do hospital coma se preséntase polos seus propios medios.

No referido aos tratamentos, cando se produce un infarto cerebral isquémico, sempre que é posible, o neurólogo administra a fibrinolise, que é un medicamento que disolve o tapón que obstaculiza o fluxo sanguíneo. Este medicamento só pode aplicarse nas primeiras catro horas e media do infarto cerebral. Os neurólogos de Vigo indicaron 205 tratamentos fibrinolíticos.

Cando non se pode administrar a fibrinolise ou esta fracasa, existe unha alternativa, a trombectomía mecánica, técnica na que un neurorradiólogo introduce un catéter ata o trombo para a extracción do mesmo. Esta alternativa debe realizarse nas seis primeiras horas. A trombectomía púxose en marcha hai pouco máis dun ano en Vigo e xa levan realizadas 64.

Tipos e factores de risco do ictus

O ictus ou accidente cerebrovascular é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. En Galicia prodúcense ao redor de 7.000 novos casos cada ano, segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía.

Existen fundamentalmente dous tipos de ictus: o isquémico é o máis frecuente e prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro e que pode ser transitorio. Se esta situación mantense no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo é o hemorráxico, aínda que é menos frecuente. Orixínase como consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas e causa unha hemorraxia cerebral.

Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade (máis frecuente en maiores de 60 anos); os antecedentes persoais ou familiares de enfermidades cardiovasculares; a hipertensión arterial; as dislipemias (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; e a vida sedentaria.

También te puede interesar