Ciencia y Tecnología

Máis de 270 persoas beneficiáronse do Servizo que ten COGAMI de Atención e Promoción da Autonomía Afectivo Sexual para persoas con discapacidade

Despois dunha traxectoria de 9 meses, vén de facer un balanzo sobre o funcionamento do Servizo Dedaleira de Atención e Promoción da Autonomía Afectivo Sexual que COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) iniciou este ano en colaboración coa asociación ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia).

Financiado por Fundación Bancaria La Caixa, este servizo Dedaleira, único en España, creouse para dar resposta ás consultas relacionadas coa atención afectivo sexual ás persoas con discapacidade, familias ou profesionais, dende un enfoque autónomo, profesional e científico. Dende o seu inicio, este servizo resolveu un total de 30 consultas chegadas tanto por correo electrónico, como por teléfono ou de maneira presencial.

As temáticas das consultas atendidas foron diversas, dende o manexo psicolóxico da vivencia de situacións de violencia sexual durante a infancia e adultez, ata como establecer límites afectivo-sexuais entre as persoas, como valorar a capacidade de consentimento dunha persoa con discapacidade/voluntaria/profesional, como coñecer as potencialidades sexuais ou produtos de apoio, entre outras.

O equipo profesional de Dedaleira tamén asesorou a un total de 10 profesionais do eido social (Educación Social, Psicoloxía, Traballo Social,…) sobre como actuar en situacións que se lles presentaban nos seus propios centros de traballo e tamén como demandantes de formación específica para profesionais.

Un total de 20 casos foron atendidos nas catro provincias galegas, a maioría destes tiveron que ser traballados rompéndolles, en primeiro lugar, a barreira que traen consigo derivada da falsa crenza de que os problemas que poidan ter son debidos á discapacidade, foi preciso traballar para racharlles esas estigmas que teñen as persoas con discapacidade e crear outras novas visións sobre elas mesmas. Empoderar ás persoas, facerlles perder a vulnerabilidade.

Como moitas das temáticas das consultas estaban relacionadas, viuse a necesidade de colgar na páxina web www.dedaleira.gal un apartado de Preguntas Frecuentes (FAQS) onde aparecen manuais de consulta, protocolos de actuación, publicacións, así como respostas a preguntas sobre abusos sexuais, delitos sexuais, filmografía, e outros temas máis.

Despois destes nove meses e dos casos tratados, o impacto xerado a través do servizo Dedaleira foi moi alto. As persoas aumentaron a súa autoestima e crearon un autoconcepto positivo, reconduciron conductas afectivas e sexuais abusivas, extinguiron conductas sexuais autolesivas, iniciaron prácticas deportivas (como vela, tenis, running, natación…) así como ioga, pilates ou meditación.

O impacto social xerado superou as 270 persoas beneficiadas do Servizo Dedaleira, persoas que foron informadas, asesoradas e buscaron orientación específica en afectividade e sexualidade; tamén asistiu alumnado ás formacións impartidas polo equipo técnico e as persoas que precisaron de atención tanto psicolóxica como apoio psicosocial e detección de delitos contra a identidade sexual das persoas con discapacidade.

También te puede interesar