Cultura

O luns ábrese o prazo para a convocatoria de axudas a prácticas non laborais en empresas para persoas de entre 18 e 30 anos

ARQUIVO

A Xunta abre este luns, día 2 de outubro,  e ata o próximo día 30, o prazo de solicitude para a convocatoria de axudas dirixida á realización de prácticas non laborais para os mozos e mozas con cualificación -titulación universitaria, ciclo de grao medio ou superior ou certificado de profesionalidade–  para facilitar o seu acceso posterior ao mercado laboral.

Segundo a publicación do pasado venres do Diario Oficial de Galicia (DOG), poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con persoas novas para a realización das prácticas.

Os participantes, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e ter entre 18 e 30 anos, non deberán contar cunha relación laboral ou outro tipo de experiencia laboral superior a tres meses na mesma actividade. As prácticas, coas que se prevé beneficiar a  100 mozos e mozas, terán unha duración de entre seis e nove meses. Nesta actuación, a Xunta inviste preto de 600.000€.

Os beneficiarios recibirán unha bolsa de apoio por parte das empresas que financiará a Administración galega. A contía da mesma dependerá das horas diarias. Así, o Goberno galego apoiará cun mínimo de 538€ mensuais as prácticas non laborais de menos de 4 horas ao día e cun máximo de 753€ mensuais as de máis de 4 horas.

También te puede interesar