Ciencia y Tecnología

@depo_es inicia as sesións informativas sobre o Servizo de Teleasistencia

A Deputación de Pontevedra inicia este martes, día 3 de outubro, as sesións informativas sobre o Servizo de Teleasistencia domiciliaria, servizo que a institución provincial financia en colaboración cos concellos que actualmente ten convenio. Concretamente, o inicio destas xornadas será ás 6 e media da tarde na Casa do Concello, en Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade.

Estas charlas informativas teñen por obxecto dar a coñecer a veciñanza a importancia do servizo para previr situacións de risco. Así, ata o momento foron 14 os concellos que solicitaron que se leve a cabo a sesión informativa: Baiona, Barro, Cambados, Cerdedo-Cotobade (un en Cerdedo e outro en Cotobade), Cuntis, Forcarei, O Grove, Meis, Pazos de Borbén, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tui e Valga.

O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra ampara na actualidade a un total de 465 persoas, das que preto dun 75% son mulleres. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida que isto implica.

Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.

Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas e xornadas de convivencia.

O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente co seu entorno socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas.

También te puede interesar