Comarcas Sucesos

O Porriño lembrou ás vítimas do tren Celta Vigo-Porto, un ano despois da traxedia

A alcaldesa do Porriño, dacordo coa decisión da Corporación Municipal, foi a encargada de ler este sábado o manifesto de apoio ás víctimas do accidente de tren Celta Vigo-Porto, ocorrido hai un ano na vila, no que morreron 4 persoas e preto de 50 resultaron feridas de distinta gravidade.

O manifesto, acordado por todos os grupos políticos, lembra a todas as vítimas do accidente e amosa a sua solidariedade con elas e coas súas familias e subliña o risco que segue existindo no Porriño polo paso do tren polo mesmo centro do concello.

“Hai un ano, o venres 9 de setembro de 2017 ás 09:25 horas da mañá, o tren Celta Vigo-Porto descarrilou ao seu paso polo centro do Porriño.

No tren viaxaban un maquinista de Comboios de Portugal, un interventor de Renfe e un total de 63 viaxeiros que partiran de Vigo.   Ao chegar á estación do Porriño o tren descarrilou e saíu da vía.

A consecuencia do accidente faleceron catro persoas  e 47 pasaxeiros sufriron feridas de diversa consideración.

Hoxe, os veciños e veciñas do Porriño, xunto a cidadáns e autoridades de localidades da comarca, reunímonos á beira das vías do tren, para lembrar a José Arnaldo Moreira, maquinista  de 45 anos, veciño de Barroselas, Portugal;   Miguel Veiga, interventor de 55 anos, veciño de Vigo; Joaquín Rodríguez, tamén vigués de 23 anos, estudante na escola de maquinistas, coñecido xogador de balonmán;  e un cidadán norteamericano cuxa identidade non foi facilitada,  que viron truncadas as súas vidas hai un ano no descarrilamento do tren.

Tampouco queremos esquecer aos cidadáns de case unha ducia de nacionalidades que resultaron feridos de diversa consideración; os de orixe española, de Portugal,  Reino Unido, Alemaña, Italia, EEUU, Brasil, Uruguai, Arxentina, Chile, e Corea.

Estamos aquí na súa memoria,  para que non caian no esquecemento, en solidariedade coa dor dos seus familiares e amigos.  Estamos aquí para que  o sufrimento causado non sexa en balde.

Os resultados preliminares da  investigación do accidente recoñecen, entre outras circunstancias,  que o tren circulaba con exceso de velocidade aínda que haberá que esperar ás conclusións definitivas dos técnicos.

Sabemos que  os accidentes adoitan resultar da fatal confluencia de varios factores.  No  Porriño, o trazado das vías do tren polo centro urbano,  un paso a nivel nun cruzamento polo que transitan diariamente miles de veciños e veciñas, e edificios a escasos metros, esixen por sentido común que se extremen ás medidas de seguridade para evitar unha traxedia mentres non se elimine o paso do tren polo centro urbano.

A un ano do accidente instaláronse sistemas de freado dixital na  maioría dos trens da liña Vigo-Porto. Pero os veciños e veciñas do Porriño seguimos expostos a fallos nas barreiras do paso a nivel, semáforos que non funcionan e trens que volven pasar cunha velocidade que supera o 100 km hora.

Por José Arnaldo, por Miguel, por Joaquín, por todas as vítimas, polos miles de cidadáns que cada día cruzan o paso a nivel, viven ou traballan na proximidade das vías do tren esiximos que se extremen ás medidas de seguridade no paso dos trens polo centro urbano”.

O Porriño aposta polo tren como medio de transporte público e eficiente. Queremos un tren moderno, seguro e con horarios e frecuencias que dean servizo aos nosos cidadáns. Queremos que o tren se converta nunha solución que achegue calidade de vida aos nosos veciños, non nun  motivo de preocupación.

Por José Arnaldo, por Miguel, por Joaquín, por todas as vítimas provocadas polo tren ao seu paso polo centro do Porriño  estaremos aquí cada 9 de setembro lembrándoas e sen esquecer a nosa lexítima e histórica reivindicación.

También te puede interesar