Ciencia y Tecnología

Os encoros da Demarcación Galicia-Costa están ao 61% da súa capacidade, 10 puntos menos que hai un ano

Os encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa atópanse ao 61% da súa capacidade total: concretamente, os de abastecemento, ao 71,27%, e os de uso hidroeléctrico ou industrial, ao 60%.

Así se recolle no último informe no que se sinalan os datos da evolución dos recursos hídricos na Demarcación Galicia- Costa, recollidos este martes pasado, 29 de agosto, e no que se indica que os 19 encoros de Galicia- Costa contan cun volume total de 421,32 Hm3, dos 690,15 de volume total.

Todos os encoros de abastecemento presentan unha porcentaxe de ocupación entre o 65 e o 70%, agás o de Baiona, ao 57,11%, e o de Vilagarcía ao 19,14%. O encoro de Pontillón de Castro é o que presenta a maior porcentaxe de ocupación, cun 95,14%.

No que se refire ás bacías destinadas ao consumo hidroeléctrico, o encoro do Eume é o que presenta o maior volume de ocupación, cun 84,70%.

Comparando a situación actual cos niveis que se rexistraban o pasado ano, o volume dos encoros sitúase 10 puntos por debaixo, xa que o 29 de xullo de 2016 estaban ao 71,39%, fronte ao 61,05 % actual.

Premendo aquí pódese consultar o Boletín Hidrolóxico, no que se amplía a información sobre a evolución dos recursos hídricos no ano hidrolóxico 2016-2017.

Segundo o Goberno de Galicia, pese a que os encoros presentan niveis inferiores con respecto ao ano pasado, a súa situación, e especialmente a dos de abastecemento, considérase estable dentro desta época do ano, caracterizada pola escaseza de choivas e un aumento do consumo.

O Goberno lembra que a situación de prealerta na que se atopa Galicia activouse debido ao baixo caudal dos ríos e dos acuíferos, que a causa do déficit de precipitacións, teñen dificultades para recargarse.

“É importante aclarar que a situación de inestabilidade atmosférica e as precipitacións recollidas nestes días produto das treboadas non parecen suficientes para a recuperación dos ríos e os acuíferos, xa que, para iso, serían necesarias choivas continuadas. En todo caso, haberá que esperar aos próximos días para cuantificar o seu efecto real”.

Deste xeito, desde Augas de Galicia, reitérase a necesidade de realizar un uso responsable da auga e máis tendo en conta a situación de prealerta por seca na que nos atopamos.

También te puede interesar